Libres e iguais

O PP ten asumido un discurso nado de determinados voceiros e organizacións sociais do españolismo ( Cayetana Alvarez de Toledo, Arcadi Espada, Hablamos Español, Societat Civil Catalana...) que concibe España como unha única nación de cidadáns “libres e iguais” sen consideración ningunha á súa pertenza  obxectiva ou referencia subxectiva a outras nacións (catalá, vasca, galega) ou a minorías secularmente discriminadas, como os inmigrantes ou o colectivo LGTBI. Xa que logo, esta construción teórica reflicte un único xeito de exercer a cidadanía sen ter en conta a identidade da persoa cidadá, o que anticipa xa o fracaso  desta idea para integrar á sociedade.


Porque a identidade alicerza a cidadanía. Karl Dahrendorff, dende os parámetros do liberalismo progresista e da dimensión social da economía, advertiu da necesidade de que o Estados europeos modernos garantisen non só as liberdades individuais, senón as liberdades da persoa como integrante dunha comunidade cultural e a estricta neutralidade do Estado a respecto de todas elas. Velaí a súa teoría do “Estado nacional  heteroxéneo”, perfectamente aplicábel canto á devandita neutralidade do Estado ao Estado plurinacional.  E oposto, en calquera caso, ao Estado uninacional, unilingüe e alicerzado no unionismo centralista que propugna o españolismo.


 Libres e iguais? As persoas que temos como lingua propia o galego, catalán ou euskera non somos iguais en dereitos a respecto dos que teñen por propia o castelán e non somos libres dabondo para vivirmos en galego, catalán ou euskera na nosa Terra. Porque a Constitución, refugando as solucións democráticas de Bélxica, Canadá, Suiza e Finlandía de oficializar todas as súas linguas, só recoñeceu a oficialidade en todo o territorio do Estado do castelá, minorizando ao galego, catalán e euskera á mera oficialidade en cadanseu territorio autonómico. A xurisprudencia constitucional agravou esta definición impedindo que os Estatutos e leis autonómicas equipararan cadansúas linguas oficiais co castelán canto á súa obriga xeral de coñecemento. Das resultas desta interpretación os empregados públicos da Administración de Xustiza e da Administración do Estado ( incluídas a Axencia Tributaria estatal e máis  a Seguridade Social)  non teñen a obriga, agás excepcións, de coñecer máis lingua que o castelán. Por outra banda, a xurisprudencia contencioso-ádministrativa refugou en moitas ocasións lexislar obrigas de xeral coñecemento e uso das linguas distintas do castelán no consumo, empresa e contratistas e concesionarios das Administracións. Mesmo o dereito de falar galego, castelán ou euskera no exercicio da actividade laboral ou profesional está ben limitado ou subordinado na práctica, fronte á absoluta normalidade do castelánfalante cando opera en todos estes ámbitos.


Sermos libres e iguais? Só será posíbel garantindo que toda a cidadanía do Estado, tamén á que fala linguas distintas do castelán e refire outras identidades nacionais ou culturais, exerza igual en dereitos aos “españoles y mucho españoles” .

Libres e iguais

Te puede interesar