ai en min a crenza de que o escritor arxentino Jorge Luis Borges podería ser un cidadán máis de Ferrol. Seguro que polas súas ascendencias militar e literaria, crioula e anglosaxoa, moveríase moi ben dentro da vida social da cidade. De feito, non se me fai difícil imaxinarlle en algún faladoiro con Gonzalo Torrente Ballester.
Como todos, Borges ten moitos prismas e é produto das súas contradicións e do seu tempo. Foi quen de denunciar as simpatías fascistas de Perón. Defender a súa idea da cultura occidental como alter ego antidogmático do xudeu, cuestión esta que levouno ao recoñecemento de Israel, aínda que hoxe non sei cal sería a súa posición ante a diáspora palestina e a “expulsión final” decretada por Netanyahu.
Mais, o que atrae a miña atención está no seu fetichismo arredor dos libros e, sen ser crente, porque tiña unha especial devoción pola Biblia e a Kábala. Borges insiste en que a innovación vén da lectura dos vellos textos. Que os libros son obxectos sagrados, que grazas á secularización da escritura a literatura é o eixo da creación humana. De aí os varios niveis de lectura que ten cada obra, de aí a Kábala e o aleph (a primeira letra do vocabulario semita, da Torá e do nome de Deus).