Inter-disciplinar

No XL Semanal do pasado domingo lin unha entrevista con Pilar Manchón, unha sevillana que ven sendo, nada menos, a directora de Estratexia de Investigación Artificial de Google Research. Pouco tiña escoitado falar dela. Desde logo bastante menos que da súa irmá Beatriz Manchón, unha excelente palista, varias veces campeona do mundo, e de Europa de piragüismo, “la mejor piragüista española de todos los tiempos”, en palabras da súa irmá investigadora. Non serei eu quen poña en dúbida esa consideración, mais non podo esquecer que por terras do Morrazo anda Teresa Portela, que, como mínimo, por aí lle vai. Niso de quen é mellor en calquera cousa é difícil que a xente se poña de acordo. No fundo, que máis ten? Este meu desemellante coñecemento das irmás Manchón evidencia que por estas terras, e por algunhas outras da xeografía socio-político-económica na que nos movemos, o coñecemento dos e das deportistas -mesmo de deportes non de masas como o remo- aventaxa con diferencia ao que se ten de profesionais de actividades moito máis relevantes, sen dubida, que as deportivas. Detalle a ter en cosideración sempre. Paréceme.


Fronte ao que se puidese agardar, a destacada investigadora en intelixencia artificial, non estudou enxeñería ningunha, senón Filoloxía Inglesa, titulación que, obviamente, per se, non lle foi suficiente para traballar nos ámbitos en que acabaría por desenvolver o seu traballo. Mais foi a partir da formación filolóxica que fixo un máster en Ciencia Cognitiva e se doutorou en Lingüística Computacional. Entende que esa combinación das humanidades e das ciencias lle trouxo ventaxas e, por iso, pensa que é “muy importante que la formación sea mucho más interdisciplinar”, opinión que comparto totalmente. Mais os responsables da elaboración dos sucesivos plans de estudos semella que non teñen en conta as experiencias de outros e outras.


Miña mai, que fixera o bacharelato de sete anos -iniciado co plan de estudos de bacharelato republicano de 1934 e finalizado co da 1ª lei de educación franquista de 1938- no que, en ningún dos casos, non había división entre letras e ciencias, adoitaba falarnos das ventaxas que lle vía a esa concepción dos estudos secundarios fronte á da que nos tocou seguir a min e a meu irmá, coa división en ramas no bacharelato superior, que establecera a lei de ordenación do ensino medio de 1953.


Así, en quinto curso tiven que elixir rama e optei pola de ciencias, que era a que máis me atraía. Chegado á Universidade, sen moito convencemento, decidín cambiar de póla para me licenciar e doutorar en Filoloxía. E non me foi mal. Coñezo xente que fixo o mesmo cambio e tamén o contrario.


Este tema da especialización na secundaria foi motivo de polémicas ao longo do tempo. A lectura das declaracións de Pilar Manchón, recordoume que en 1964 o diario lucense El Progreso (6-XII-1964) pedira opinión sobre o tema a catro profesores galegos. Un deles, o sempre lembrado Carvalho Calero, respondía deste xeito conciso e tallante: “-No creo acertada la bipartición”.


Mais o caso é que as escollas non só seguen aí senón que, craso erro, tenden a ampliarse coa implantación de novas modalidades de bacharelato. A necesaria mellora do ensino secundario só será posible cunha redución do número de estudantes por aula  e non pola, sempre reducionista, especialización. Para iso hai sempre tempo.

 

Inter-disciplinar

Te puede interesar