O inimigo externo

Na confrontación actual entre as grandes potencias están en xogo moitos intereses, o primeiro: os Estados Unidos quere manter a súa hexemonía, impoñendo así as regras de xogo en todo o mundo. Para iso ten que frear o ascenso das potencias emerxentes, especialmente China e Rusia que son as máis fortes. As cousas non lles van ben a occidente, que segue perdendo peso económico, e xa non é a referencia de todos os avances tecnolóxicos, sexa no eido civil como militar, co que iso implica de reaxuste na cadea de valor e de modificación da correlación de forzas no futuro. E, as ameazas militares, os bloqueos, as sancións amosan a debilidade actual do imperialismo dos Estados Unidos e dos seus socios subalternos, e que aínda se benefician no reparto do botín.


A esta confrontación pola hexemonía sumase o grave reto ecolóxico, os límites nos recursos esenciais, o medre da desigualdade, da violencia en todas as súas forzas, e a consolidación da economía especulativa e delitiva. Tampouco se pode obviar, na actitude de Washington, e moitos países que seguen acriticamente as arroutadas de EEUU, o aumento da precariedade laboral e a fragmentación crecente da sociedade, que se reflicte na escasa valoración das institucións, dos partidos, no desacougo social. A radiografías son as dunhas democracias afastadas do povo, para alén da escenificación no momento electoral, e da propaganda dos medios sistémicos.


Neste intre, como na época da Unión Soviética, utilizase o problema externo para tapar as debilidades, incapacidades, e as políticas lesivas para as maiorías ou determinados territorios, dando azos máis unha vez ao inimigo externo. O que deixa en evidencia que a Guerra Fría nunca terminou. E, como a ocupación de Iraq e Afganistán xa non dá xogo, e ademais rematou mal para occidente, o de Corea é moi perigoso, colle un lugar central na esceninficación un Putin seica a punto de invadir Ucraína. Malia que a proposta de Rusia respecto de que necesita garantir que non si sitúen mísiles tan preto de Moscova que non podan ser neutralizados, ou sexa, que se trata dunha cuestión de seguridade, que semella lóxico que se teña en conta. Máxime sendo a mesma que invocou EEUU cando a crise dos mísiles en Cuba.


Todo indica que, malia o perigo de lume, neste intre Washington tíralle mais rédito a unha situación conflitiva, xa que alimenta o complexo industrial militar, fortalece a subordinación da UE, e constrúe novos muros a un mundo multipolar. Polo que continuaran as tensións, xa que o central non é a paz senón manter os privilexios imperialistas.

O inimigo externo

Te puede interesar