Impulso público para a recuperación económica

O pasado 23 de febreiro (hai cinco meses escasos), a alcaldesa da Coruña anunciaba a achega de fondos europeos Next Generation para o Concello. Aqueles fondos, previstos para axudar na recuperación económica xerando actividade tras o impacto da pandemia, tiñan un requisito indispensable e lóxico: a celeridade. Lóxico porque de pouco serven os ritmos lentos para afrontar unha crise presente. A situación, lonxe de mellorar a nivel internacional, empeorou coa invasión de Ucraína por parte de Rusia. Hoxe o Concello da Coruña (insisto, en menos de cinco meses) ten o 80% dos fondos europeos concedidos adxudicados ou, cando menos, licitados, coa perspectiva do inicio inmediato dunha ducia de actuacións que mellorarán a cidade e que, ademais, contribuirán á dinamización económica coa inxección de fondos públicos na economía local. Algúns dos traballos que xa estaban en marcha e previstos, como Compostela ou a primeira fase de Alcalde Marchesi, que recibiron tamén asignacións dos Next, o que permitiu liberar os fondos propios previstos a outros fins. A segunda fase de Alcalde Marchesi, o carril bici na avenida da Habana, a nova rotonda de Ramón y Cajal, Fernández Latorre, Ramón Cabanillas, o novo incremento de bicis eléctricas para Bici Coruñas, aparcabicis... Aos fondos Next en España presentáronse 171 solicitudes. A Coruña quedou no posto 19 das mellor valoradas, e acadou a contía máxima á que podía acceder, 10,9 millóns de euros. Mais non son só fondos para fins municipais os que conseguiu atraer á cidade Inés Rey. A Coruña é, despois de Madrid, o primeiro destino de fondos Next de España, con 280 millóns de euros, algo máis que Barcelona. Ditos fondos permitirán a transformación urbana, si, mais tamén unha revolución nas redes de transporte ferroviario, cumprindo por fin as vellas aspiración de contar cunha intermodal e cun tren a Langosteira que permita o despegue do porto exterior. Non é doado percibir desde fóra da Administración o inxente traballo que desenvolveron os servizos municipais para lograr en tan pouco tempo culminar proxectos e cumprir cos prazos regrados dos procesos de contratación, amplos e garantistas para facilitar a máxima concorrencia. Seguramente non hai precedentes na Coruña de maior celeridade á hora de captar e executar fondos extraordinarios. O obxectivo é claro: ao longo deste ano temos que xerar unha intensa actividade económica que permita fortalecer o tecido produtivo local. As obras son unha mostra dese bo facer, que no caso da Coruña percíbese tamén noutros moitos ámbitos, como o pulo dado á Cultura e a música para goce dos cidadáns e para atraer a un maior número de visitantes, feito este que se puido constatar nas últimas semanas e que seguirá ao longo do verán cunha axenda inédita de actividades de ocio e cultura. A cidade móvese, e nese movemento ten un papel non menor o impulso dado desde o público.

Impulso público para a recuperación económica

Te puede interesar