IMpostos

Non sei se aínda queda algún iluso que crea que as prestacións sociais poden funcionaren sen impostos, que todo se financia dándolle a manivela da máquina de facer billetes. Todos, en base as nosas posibilidades, temos que participar nesta cuestión, cousa que ninguén con dous dedos de fronte discute. O que parece suscitar controversias é como se establecen as porcentaxes que marcan o que debe contribuír cada quen. A pura lóxica di que paguen máis os que máis teñen. Arestora entrouse nunha competición que parece non ter moito sentido: a loita política pola baixada de impostos como obxectivo, coa dereita como adaíl propondo unha reducción de impostos que favorece aos que máis teñen. Sirvan os datos publicados estes días:, por exemplo para alguén que percibe uns 500.000€ anuais con esta medida fiscal aforraríase uns 4.500€ e un traballador cun salario medio uns 47 € . Se hai alguén que o entenda que o explique con claridade, porque véndoo así a cousa soa insultante para a inmensa maioría que a fin de contas é, somos, os que  pagamos os pratos rotos da vaixela que outros rachan sen contemplacións.


Da a sensación de que aquí non rexe a ciencia económica e si os partidos que andan a defenderen  os privilexios dos millonarios. Partidos aos que , claro está, votan os ricos e ollo! tamén moitos asalariados  con rendas baixas, a cidadanía máis castigada, porque é difícil entender a porcentaxe de votos que acadan, se non fora por eses apoios, os partidos conservadores nas eleccións  comezando polo primeiro da oposición.


Porque teñen que pagar sempre os que nada teñen que ver cos desastres económicos mentres aos de sempre, se lles facilitan vantaxes fiscais? Estamos pagando os produtos enerxéticos ( electricidade e combustibles) moi por enriba das nosas posibilidades, tanto que premer a calefacción para moitos será un enorme sacrificio. E a eses, aos que controlan estes grandes emporios con plusvalías millonarias, aos terratenentes, en fin aos 246.000 titulares de grandes fortunas que non viron unha crises nin de lonxe e crecen ano tras ano,  van e lle rebaixan os impostos,  mentres   o resto da cidadanía quédasenos cara de tolos. Por moito que un a procure, non atopa escusa para tal desvergoña.  Non creo que teña culpa de todo isto a guerra en Ucraína e as arelas imperialistas de quen a provocou, e si os que aproveitando esa conxuntura tratan de sacar o máximo partido, pescar no río revolto e incrementar as súas fortunas  índose de rosiñas fiscais. Aclarémolo dunha vez, non consiste que as grandes fortunas paguen menos impostos, senón todo o contrario. E non se trata só de socialismo humanista, que tamén; a cousa versa sobre o sentido común. O que está por ver é se aínda nos queda algo del.  

IMpostos

Te puede interesar