Coa certeza de que ía ver algo de escaso interese -a publicidade da propia RTVE así mo daba a entender-, na noite deste pasado venres sentei diante do televisor para presenciar a estrea de “El mejor de la historia”. Como ben sabe a xente que, habitualmente ou de cando en vez, ve os canais da RTVE a publicitación foi bastante insistente ao longo dunhas cantas semanas como se se tratase de algo grandioso, o que, á vista dos protagonistas candidatos ao galardón do “mellor” -penso que, en puridade, así dun xeito global, nunca o hai-, non semellaba ser tal. Mais había que velo.
Desde logo que non é un programa novidoso, xa que se trata da adaptación do “100 Greatest Britons”, que emitiu a BBC en 2002, isto é, hai máis de dúas décadas. Naquela altura e en anos próximos -con algunha que outra adaptación, mesmo no título- foi emitido en televisións de Gales, Francia, Alemaña, Estados Unidos, Ecuador, Portugal, Bélxica, Uruguai, Chile, Sudáfrica... Tamén en España. O 22 de maio de 2007, Antena 3 emitiu “El español de la historia”, un único programa, onde o máis votado por 3000 encuestados fora o daquela rei Juan Carlos I -é posible que nunha manobra de defensa da coroa, en horas un tanto baixas-, seguido por Cervantes e Cristóbal Colón -son, como Eduardo Pondal, dos que acreditan que foi galego.
Entre os 10 primeiros atopamos á raíña emérita Sofía e ao que era príncipe Felipe, xunto a Adolfo Suárez, Ramón e Cajal, Picasso... Xa despois, atopamos Lorca (13º) e os primeiros deportistas: Alonso (20º), Indurain (24º) e Pau Gassol (40º).
Esa presenza en lugares destacados de membros da realeza -de sangue ou achegados- atopámola na selección do programa británico, onde resultou electo Winston Churchil, seguido polo enxeñeiro construtor de pontes Isambard Kingdom Brunel e a exprincesa Diana Spencer. Entre os 10 primeiros atopamos nomes como Darwin, Shakespeare, Newton, Isabel I ou John Lennon, o 1º dos músicos. Logo McCartney (19º) e Bowie (29º), pouco antes do primeiro deportista: Beckhan (33º), ao que seguía Bobby Moore (69º). Os votantes franceses, como parece que non podía ser doutra maneira, optaron por Charles de Gaulle, seguido de Pasteur, o abate Pierre, Marie Curie, o actor Coluche, Victor Hugo... No lugar 21 atopamos Zidane, o 1º deportista. E os arxentinos optaron por algo similar con José de San Martín. Iso si, de 3º quedou un deportista: o corredor automobilístico Fangio. Moi curioso é que os portugueses, en 2007, tivesen optado polo ditador Oliveira Salazar, seguido polo dirixente comunista Álvaro Cunhal. Só no posto 11º atopamos co primeiro representante dos participantes na organización do 25 de Abril, o capitán Salgueiro Maia. En postos altos atopamos Amália (14º), Eusébio (15º), Zeca Afonso (29º) e un bocadiño despois, no sesaxésimo nono, o aínda moi novo Cristiano Ronaldo (21 anos).
Informeime disto onte despois da emisión do programa, que non acabei de ver de todo, porque, como remate de antroido, actuaba ao pé da casa a París de Noia e... xa sabemos que “Paris vaut bien une messe”. Por aí van ir os tiros; sempre vai haber controversias e, no fondo, nada vai ser atinado de todo. Seguiremos o tema.