Na tarde do martes pasado acudín ao Salón de Actos da sede coruñesa da UNED á última sesión dos “XVIII Encontros con escritores: A creación literaria e os seus autores”, curso literario que desde hai case dúas décadas organiza o Centro de Formación e Recursos (CFR) da Coruña, baixo a coordinación dos profesores Xavier Seoane e Javier Pintor, aos que coñezo de anos andados. Teño asistido ocasionalmente e podo dar fe do volume de asistencia que sempre atopei. Desta volta o escritor convidado foi o narrador nicaraguano Sergio Ramírez, nado en 1942 na localidade de Masatepe. No 5º ano da licenciatura, que realicei no curso 1972-73 -por estas datas, pois, estánse a cumprir 50 anos do remate da carreira-, unha das materias era Literatura hispanoamericana, da que, coa excepción de 5 ou 6 nomes, moi pouco sabiamos a inmensa maioría dos e das estudantes do curso. Foi moito, xa que logo, o que descubrín e aprendín naquela disciplina, impartida por José María Viña Liste, de quen gardo inmellorable recordo. Se non me falla a memoria, que penso que non, o único escritor nicaraguano que figuraba na ampla relación de lecturas que tiñamos que facer era Rubén Darío. Un, por certo, dos desa media ducia dos que tiñamos algún coñecemento previo. Sergio Ramírez, que nesa altura tiña moi pouco publicado, non estaba.
Do seu nome souben uns cantos anos máis tarde, cando, a mediados de 1979, a Fronte Sandinista de Liberación Nacional conseguiu a renuncia ao poder do ditador Anastasio Somoza Debayle, “Tachito” e asumiu este por medio dunha Xunta de Goberno de Reconstrución Nacional, da que Sergio Ramírez foi un dos cinco membros que a compuxeron. Logo, unha vez que en 1984 se celebraron eleccións, gañadas polos sandinistas, formou parte, como vicepresidente, dos gobernos presididos por Daniel Ortega. Falábase del como escritor, aínda que seguía sen ter moita obra, mais eu nunca lera nada seu.
Sería nos últimos meses de 1989 cando puiden ler algo da súa autoría. Foi en Montevideo, na primavera austral -o noso outono- dese ano, no tempo en que estaba impartindo un curso cuatrimestral de literatura na Universidade da República Oriental do Uruguai, que así se chamaba. Non era a primeira vez que pisaba terras americanas -xa estivera un par de veces nos Estados Unidos- mais si viña sendo a miña primeira estancia en territorio latinoamericano, unha experiencia máis que gratificante e aleccionadora, que me ensinou tantas cousas que ata mudou o meu xeito de entender o mundo. En Montevideo coñecín xente moi interesante e con algunha dela fixen unha boa amizade que perdurou no tempo. Graciela Pereiro foi unha desas persoas. Montevideana, filla de galego e asturiano, emigrantes ambos, nesa altura exercía a profesión de taquígrafa no Palacio Lexislativo -excelente edificio de feitura neoclásica-, mais, antes de se ter que exiliar por mor da ditadura, fora docente de literatura no ensino secundario. Vivira en Nicaragua parte dos anos de exilio e era unha admiradora da narrativa do daquela vicepresidente nicaraguano Sergio Ramírez, de quen me falou, con esa paixón que caracteriza certas profesoras e profesores de literatura. Lémbroo perfectamente. Agasalloume, ademais, co seu exemplar, cheo de innúmeras anotacións, de De tropeles y tropelías, libro de relatos que mercara en Managua. Excelente obra que me entusiasmou e segue a facelo. Ergo, comprei as súas dúas últimas obras e agardo o mellor da súa lectura.