A Galicia interior, sen industria

Quérolles falar dunha pulsión. Que de seguro resulta máis definible como dogma. E que, posiblemente, non cadra coa definición de “progresista” que utilizan boa parte dos seus protagonistas. Refírome á esquerda galega -por fortuna hai outra- que exerce de conservadora con instinto automático e sen ningún tipo de matiz ou opción de diálogo en contra das apostas pola industria en territorio rural. Moita dise patriótica.


Por suposto, como corresponde á súa visión esencialista das cousas, eses sectores ideolóxicos nunca atenden a ningún desastre industrial que poida ou puidese ocorrer nunha das nosas grandes cidades. Non protestaron porque na Coruña teñamos unha refinería pegada á urbe, apenas contra o oleoduto, ou o porto petroleiro interior que causou -eses si, verificables- desastres ecolóxicos como o do Mar Exeo ou Urkiola. Nunca se lles escoitou tal doutrina a estes heroes “da terra”, agás cando por fin A Coruña puido sacar os peiraos petroleiros de risco do centro urbano, aí si falaron, pero en contra. Seica os das cidades -os “galegos impuros” nesa mentalidade reaccionaria- merecemos desgrazas. Nós si, os seus supostos espazos bucólicos do rural -onde menos lles votan- nunca. Eu son dos que pensa que ningún deles, claro, porque non son carlista.


Resulta disparatado, pero en Galicia temos bastante esquerda que desconfía de xeito absoluto dos dous feitos que máis esquerdistas crearon ao longo da historia: as cidades e as industrias. E como estamos en 2024 e o noso gran reto de progreso debe centrarse en combatir o cambio climático, existen unhas normativas europeas que indican que só é admisible un despregamento industrial que cumpra cos preceptos ambientais necesarios neste momento. Tanto lle ten iso aos puristas, aos fantasiosos ruralistas de redes sociais, que difunden superioridade moral sobre o que, en realidade, só consideran paisaxe, no que a maioría nunca terá que verse comprometido de verdade, no vivencial, máis difícil que o Samsung.


Disque a Galicia interior esmorece. Non deixa de ser algo que ocorre en todo o planeta, pero iso non quita que deban coidarse a fondo os seus sectores produtivos, por suposto. O que semella menos lóxico é que ante calquera iniciativa con posible respaldo da UE, que depende dese financiamento ambientalista e que pode xerar centos de postos de traballo nesas zonas, a resposta sexa un “non” por sistema que nin están dispostos a debatir, que desconfía dos moitos avances científicos e tecnolóxicos actuais e que, basicamente, afirma por unha parte que están ben coa actividade que teñen agora á vez que se queixan do despoboamento e o envellecemento. Pois unha ou outra, as dúas xuntas non cadran.


Protestar para mellorar o progreso é progresista. Negarse por principio e caendo nalgunha magufada apocalíptica é conservador. Aínda que se crean moi ‘esquerdistas’. 

A Galicia interior, sen industria

Te puede interesar