A forza da mentira

O coñecemento inútil, na adaptación lingüística ao noso idioma, é o título dun relevante ensaio do filósofo e xornalista francés Jean-François Revel, publicado en 1988. Nesta obra, o autor galo, analiza a crise da cultura occidental e a perda de confianza na razón e a ciencia, poñendo énfase na denuncia do relativismo moral e cultural que domina o pensamento contemporáneo, así como o dogmatismo ideolóxico e a manipulación da información. Moi axeitadamente sentenciado nesta frase lapidaria: A primeira de todas as forzas que dirixen o mundo é a mentira. Por iso, este analista, propón unha actitude de escepticismo ilustrado e de procura da verdade, fronte ás falsas certezas e as ilusións que nos impiden ver a realidade; defendendo así o valor do coñecemento como un ben universal e unha ferramenta para o progreso humano. Usar espírito crítico fronte ao relato contado. Así, porque unha cousa é a información e outra, nas súas antípodas, é a comunicación. Sabemos que opinión pública é o conxunto de actitudes, crenzas e valores que comparte a xente sobre temas de interese xeral e, por veces, mesmo moito máis concretos e particulares. Estados de opinión que se configuran a través de diversos procesos sociais, entre os que destaca o papel da comunicación. Velaí a comunicación orientada a intereses políticos determinados que busca influír na opinión pública para favorecer ou prexudicar a certos actores, grupos ou ideoloxías políticas. Comunicación, sutil detrás de máscara ou sen careta, con diferentes estratexias, sexa a propaganda, a manipulación, a desinformación, a polarización ou a mobilización. Con técnica calculada ao detalle.

 

Falsas noticias (fake news) e mentira que “repetida mil veces” remata por percibirse como verdade. Comunicación maliciosa á procura de enganar, influír ou manipular á cidadanía, aproveitando o alcance e a velocidade das redes sociais, os medios dixitais e tamén a prensa convencional na súa versión audiovisual ou escrita, pouco dada ao contraste e á calidade da información que se emite. Obviamente, con consecuencias negativas buscadas intencionadamente para o coñecemento, a convivencia, a confusión orientada, a desconfianza e a polarización entre a xente.

 

Porque a río revolto xa se sabe quen gaña. E nesas andamos, á porta dun proceso de eleccións xerais que serán determinantes para configurar a orientación política do futuro goberno estatal. Para algúns, a política é a arte de saber volver a realidade no seu favor. Por iso, é necesario desenvolver unha actitude crítica e responsable diante da información que consumimos e compartimos. Ollo ao piollo

 

 

A forza da mentira

Te puede interesar