Fóra do pobo non hai salvación

Este foi o lema da 44ª Romaxe de Crentes Galegas/os da Asociación Irimia, celebrada en Culleredo e adicada á memoria do sacerdote, Moncho Valcarce, o crego das Encrobas, das Enchousas, etc. Loitador pola defensa dos dereitos dos labregos e da dignidade humana. Eu doulle grazas a Deus de ter coñecido Moncho, un home e un sacerdote de admirar o seu traballo senlleiro onde todo se mesturaba, con un sentido razoábel, o espiritual místico, o humano, o social e o político, cunhas consecuencias tan claras á luz do Evanxeo de Xesús que a min e supoño a calquera que o coñecera quedaba engaiolado pola súa firmeza e sinxeleza do seu proceder. Repito doulle grazas a Deus por termos na Galiza outro revolucionario, e a ledicia de que na Igrexa Galega xurdira un sacerdote cheo do espírito do Evanxeo de Xesús. En As Pontes teñen a súa memoria no IES Moncho Valcarce. E o que escribe lembra con emoción a lectura do libro “Revolucionario e Místico, Diario íntimo da doenza final”. Esta edición de “Encrucillada” está esgotada. Na pestana “só en dixitaL” pódese baixar en PDF.  
 

A celebración desta romaxe desenrolouse baixo o espírito de “Moncho namorado da xente sinxela, labrega, destas parroquias; identificouse co seu destino, pasábao ben con eles, púxose ao seu servizo, fixo de parapeto contra o abuso”. Por iso chegou á conclusión de que “Fóra do pobo non hai salvación”, como un ronsel  ou pegada que nos deixou Moncho. Rectificou así a frase da xerarquía da Igrexa “Fora da Igrexa non hai salvación” moi restrinxida e nada evanxélica. E se falamos de restrición, a restrición que valería sería a do Evanxeo, a identificación de Xesús cos pobres. 
 

Vivimos a mensaxe da Teoloxía da Liberación que algúns din que está caduca. Pois nada diso. E grazas ao papa Francisco que a defendeu como fundamental na Igrexa de Cristo vivida nas comunidades comprometidas na liberación dos pobres.  Os pobres teñen ao seu favor o capítulo 25 do Evanxeo segundo San Mateo, onde Xesús se identifica cos pobres, “asegúrovos que canto fixestes cun deste irmáns meus, fixéstelo comigo”. 
 

Con esta perspectiva celebramos a “eucaristía” desta romaxe onde se aproveita para sermos conscientes da nosa Igrexa, que deixe de durmir na relixión do opio. Esta Romaxe proclama a  defensa da nosa lingua e cultura, coa valentía da denuncia das inxustizas, da utopía do Evanxeo da liberación e dignidade da xente de abaixo. Sempre ten cabida a proclama de organizacións: a Asociación Fonteseca de A baña, coordinadora contra o espolio eólico, que denuncia o abuso das autoridades que lexisla en beneficio do capitalistas sen contar co pobo;  Escoitamos tamén a intervención MODEPÉN: organización pola defensa dun sistema público de pensións, a dignidade dos vellos que berran tamén polos seus dereitos; tampouco se esqueceu do perigo do fascismo, o machismo e a ausencia da muller na Igrexa. Non podía faltar a denuncia do bispo Agrelo polo crime contra dos emigrantes, vítimas na fronteira de Melilla.
 

E así rematou compartillando a ledicia do pan e do viño na “eucaristía” que significa “dar grazas”  “Grazas por Xesús de Nazaré,/ polo xusto axustizado, / polas vítimas da Historia, /de quen facemos memoria, / de partirse e repartirse, / por unha humanidade nova”.

Fóra do pobo non hai salvación

Te puede interesar