Fodechinchos

Resulta o apelativo co que por aló, nas Rías Baixas, recoñecen aos que veñen visitarnos nesta época procedentes da meseta, pero sobre todo da capital do Reino, que para entreterse ían na procura dos peixes pequenos, os xureliños chamados tamén chinchos. Pero o cualificativo aplícase agora tamén aos que veñen imbuídos de elevadas doses de superioridade, de síndrome da capital, o que fai que nos miren por riba do ombreiro, como se fósemos cidadáns de segunda, miñaxoias que estamos aquí para servilos porque eles o merecen. 


Non todos son así, eh! Pero hai algúns que destacan o suficiente como para chamaren a atención. O outro día escoitei dicir a un “fodechincho” que os galegos non temos sentido do humor e, xa que logo,somos antipáticos, que non conducimos ben e que se patatín e patatán. O probe “fodechincho” non tiña nin a menor idea do que estaba a dicir, descoñecía a nosa particular retranca, que non é o mesmo que a ironía, e imaxino que o seu concepto do humor non ía máis aló do que representaba Chiquito de la Calzada ou o do babeco que imitaba Fernando Esteso con pucha calada e moca de madeira, ese humor rudo e vulgar que con toda seguridade tanto fixo rir ao noso egrexio visitante. Iso para el sería sentido do humor. Hai publicados interesantes traballos sobre o humor galego pero recomendarlle estas cousas ao “fodechincho” en cuestión sería perder o tempo, abofé.


Ao “fodechinho” amólalle moito que se fale por aquí galego porque ten a idea de que segue a ser lingua que utiliza a xente de pouco nivel e xa que logo non está á altura da súa elevada condición de cortesán ao que os viláns temos que servir. Resulta case insultante para el ver letreiros en galego nos museos e nas tendas. A síndrome de “fodechincho” quizá estea máis acusada naqueles cidadáns naturais das vilas que se trasladaron a Madrid a viviren. Regresan crecidos, veñen como arrogantes persoeiros, malpocados.


Contábanme que na veciña vila de Ares un “fodechincho” nunha terraza baballoou sobre o mal que vía as cousas por aquí e de como eramos os galegos. Como o costume destes persoeiros é elevar o ton da voz co propósito de se facer notar, un paisano, vello pescador, que estaba nunha mesa próxima lle dixo tamén en voz alta: Se tan mal se atopa por estes lares, que carallo fai aquí? Lárguese, fuxa, lisque, non vaia ser que lle dea algo, cona!


O síntoma do “fodechincho” fachendoso é propio da estupidez. De novo teño que aludir ao profesor Carlo Cipolla cando manifestou que o estúpido non se fai, nace estúpido, o cal quer dicir que estes individuos non teñen remedio.

Fodechinchos

Te puede interesar