A flor das cerdeiras

Para nós, unha cerdeira é esa árbore da familia das rosáceas duns cinco metros de alto, tronco liso e flores brancas, que ten como froito a cereixa. Certo é, dito así, sen ir moi ao detalle da palabra e moito menos incluír máis acepcións. Daquela, é imposíbel concibir árbore sen froita. Con todo, alá no afastado oriente, no territorio nipón e noutros lugares de países ao seu linde, engalánase cun espectáculo natural único: a simple floración das cerdeiras. Este evento é unha tradición milenaria que reúne a familias e amigos baixo a etérea beleza das flores. Máis que unha simple contemplación é unha experiencia social profundamente arraigada na cultura xaponesa. As cerdeiras en flor simbolizan a fugacidade da vida, a renovación e a esperanza. O seu valor cultural vai máis aló do estético. As cerdeiras, coa súa floración breve pero intensa, representan a esencia da vida: o seu ciclo de nacemento, apoxeo e morte. Esta visión, presente na filosofía budista, atopa neste fenómeno unha forma tanxible de conectar coa natureza e reflexionar sobre a existencia. Esta singular festa dota de valores unitarios e de convivencia á súa comunidade ao tempo que representa un patrimonio de cultura inmaterial definitorio na configuración da identidade nipoa. É unha danza efémera entre a natureza e a cultura, unha invitación para apreciar a beleza fugaz da vida e a celebrar a primavera cun espírito de comunidade e renovación. E aínda máis que iso, un barómetro da mudanza climática e da súa emerxencia. Si, porque co quentamento global do planeta, de xeito acelerado marcando novas marcas a cada ano que pasa, o florecemento das cerdeiras xaponesas adiantase cada ano e isto provoca desconcerto social e graves complicacións a súa industria turística que non é quen de programar coa debida anticipación este atractivo de forza para os visitantes internacionais que precisan contratar os servizos moitos meses antes. O antedito non é consideración senón que conta con rigor nos estudos publicados na revista “Letras de investigación ambiental”, obra científica internacional revisada por pares e de acceso aberto que abarca a investigación sobre todos os aspectos da ciencia ambiental. 


Velaí, con estas vésperas, entramos na primavera oficial, esa “estación do ano que vén despois do inverno e precede ao verán, que comeza o vinte ou vinte e un de marzo e remata o vinte e un ou vinte e dous de xuño”, en definición da RAG, que xa en moi pouco coincide coa real, a do tempo descontrolado que nos devolve o búmerang do noso modelo de industria, consumo e vida temerario.

A flor das cerdeiras

Te puede interesar