Festivais

Antonte pola noite, vendo a segunda semifinal do Benidorm Fest, a aparición do grupo pop barcelonés Siderland, interpretando o tema “Que esclati tot” (“Que estoupe todo”), en catalán -como parece lóxico, normal e, mesmo, esperable en intérpretes procedentes de Cataluña-, levoume a evocar algún episodio lingüístico-musical que me tocou vivir en anos da pubertade e da adolescencia.
 

Teño contado en máis dunha ocasión que o primeiro televisor que houbo na casa -un Anglo- entrou nela a comezos de 1963, no tránsito dun inverno ben frío, que trouxo a neve á beira do mar ferrolán e que me levou á cama cunha -afortunadamente non moi grave- neumonía. Esa foi unha das causas esgrimidas polos pais para afrontar aquel, non pequeno, desembolso. Como é sabido -cando menos polos que xa temos uns anos-, naquela altura só se podía ver un único canal, que, ademais, emitía poucas horas. Aínda que nunca fun de ver moita televisión, lembro, obviamente, moitos dos programas daquel tempo, a maioría vistos en familia, porque os pais nunca foron partidarios dos vetos aos cativos. Recordo ver en comandita uns cantos festivales de música. Entre eles o Festival da Canción Mediterránea, que, transmitido en directo pola TVE, se celebrou en Barcelona entre 1959 e 1967 con participación de cantantes de países bañados polo mar que lle daba nome. Lembro ben o de 1963, o primeiro emitido deste que tiñamos televisor na casa. Gañouno a canción “S’en va anar”, interpretada, en catalán, por Salomé e por Raimon, dado que as bases do festival establecían que as cancións tiñan que estar interpretadas por dous/dúas artistas diferentes, acompañados unha vez por orquestra e outra por un conxunto musical de menor entidade. Se lembro bastante ben ese festival é porque, sen dúbida, foi a primeira vez que escoitei cantar en catalán e case diría que a primeira que escoitei catalán. E debeu ser con naturalidade porque non recordo que na casa se comentase nada ao respecto.
 

Raimon acababa de sacar un EP con catro temas da súa autoría -”La pedra”, “Som”, “A cops” e, o logo moi coñecido, “Al vent”-, editado por Edigsa e Salomé tiña na rúa media ducia de EPs, con temas interpretados en español -a partir de aí comezaría a gravar tamén en catalán-, mais a súa popularidade non era, por suposto, a que acadaría en 1969, cando gañou o Festival de Eurovisión. O triunfo dun tema en catalán levou á dirección da TVE -a única cadea e ao servizo da ditadura- a realizar mudanzas significativas nas bases do festival. Por un lado, cambiou o sistema de votación: o voto popular deixou paso a un xurado de 60 persoas residentes nas 12 provincias con costa mediterránea. Polo outro, só podían presentarse para representar a España cancións con letra en español. Volverían a ser admitidas en 1967, debido, posiblemente, ao peso que adquirira a música lixeira interpretada en catalán, aínda que xa non volvería gañar ningunha interpretada nesta lingua.
 

Nese contexto é onde hai que situar a polémica surxida cando Joan Manuel Serrat, que xa estaba nominado para representar a España en Eurovisión en 1968- decidiu que ou cantaba en catalán ou non interviña. Xa sabemos que o substituiu Massiel. Quen, a maiores, gañou. Ese festival recórdoo mellor. Xa era un mozote, xa escoitara música en catalán e, loxicamente, ía por Serrat.

Festivais

Te puede interesar