O Club de Prensa de Ferrol lamenta o falecemento de Fernando Bores Gamundi, que este mediodía será incinerado na intimidade, e fai chegar aos seus familiares o máis sentido pésame. Ademais da súa brillante traxectoria como arquitecto técnico e profesor, extraordinaria talla humana e clarividente visión culta e intelectual, Fernando Bores destacou polo seu activismo cultural, área que desenvolveu nos últimos anos a través do Club de Prensa de Ferrol, de cuxa directiva formou parte.
O seu papel de firma colaboradora do Diario de Ferrol como experto en materias relacionadas coa arquitectura urbana, permitiulle no seu día ser chamado por Luís Mera para que se implicase no Club de Prensa de Ferrol. Neste sentido, cabe sinalar que foi unha persoa entregada con exquisita xenerosidade. Aplicaba o seu rigoroso filtro no seguimento de cuestións administrativas relacionadas coa economía do Club, levou a cabo xestións interesantes para a dinámica do mesmo e, algo moi característico do seu perfil, traballaba con éxito no campo das ideas, estudando iniciativas en diversas actividades, sobre todo na área editorial que tan ben coñecía.
Seguindo as súas indicacións, chegáronse a editar un par de Cadernos FA, sobre a “Arquitectura pública de Ferrol, 1977-2017”, da autoría de Manuel A. Romero Pérez e Federico Carro Gil, e “Ferrol: Da arquitectura anónima á de autor”, de Pablo Rei Martínez. Grazas á súa xestión, o Club de Prensa puido traer a Ferrol á destacada estudosa da figura e obra de Concepción Arenal, a catalá Anna Caballé.
Entre os proxectos que non puido levar a cabo figura un terceiro traballo sobre a arquitectura urbana actual e un memorial sobre a rehabilitación de Herrerías na que interveu como técnico. Facíalle moita ilusión este último porque atesouraba moita documentación.
Outra idea que traían entre mans o presidente de honra Germán Castro e Fernando Bores era recompilar todos os datos relacionados co Premio Esquío de poesía ao longo de 27 anos, revisando o tratamento dado na prensa diaria.
Moitas ideas levadas a cabo, outras moitas quedan truncadas porque a morte se interpuxo.
Fernando Bores, sempre na nosa memoria.