O mes de maio, de metade do mandato municipal, debera ser declarado oficialmente “o mes da felicidade”. É o comezo da longa precampaña, cara ás novas municipais. Isto fai que, de súpeto, todos os problemas da cidade desaparezan e se anuncien cambios transcendentais na traza urbana e social, que –suponse– van a mudar de xeito radical a vida da cidadanía. O importante non é a realidade, senón a sensación a transmitir. Debemos convecermos de que estamos equivocados, vivindo unha realidade paralela á oficial e, polo tanto, na nosa burbulla.
Todo é xestión fecunda e todo o novo será realidade en breve. Se xa desde dentro, os propios funcionarios municipais transmiten a idea dun parón nas cousas do día a día, debemos consideralo un sinal equívoco, por exemplo.
Mentres, hai quen anuncia unha nova “invasión” en toda a comarca para este verán por mor dos “pisos turísticos”, e cada día pasan cousas que cuestionan a seguridade cidadá. A primeira vez que oín iso de “abrir Ferrol ao mar” creo que foi no mandato do alcalde Manuel Couce e, tamén, o de “a cidade do deporte”. Da conexión ferroviaria coa Coruña levaba eu pantalón curto... E asegúrolles que, coma todos vostedes, desexo a felicidade que vén.