Hai que ver o que un ten que escoitar raiando na ilegalidade, unha raia que marca territorio dependendo de quen a traspase. Que un grupo “musical” dende un escenario diga cousas como que “hai que volver ao 36” ou que “as feministas protestan por unha violación grupal/ dáme igual, son de Senegal” lémbrame a aquel “mísero cabaleiro” chamado Queipo de Llano, cuxos restos descansan “en paz” nunha capela da basílica da Macarena de Sevilla, imaxino que pola súa entrega incondicional de amor ao próximo, que exhortaba á tropa, no 36 precisamente, a violar as mulleres dos “rojos” para que souberan o que eran homes de verdade.
Certo que a violencia non é patrimonio dos fascistas pois hai xente de esquerdas ben arrebatada tamén, pero isto vai de pensar coas tripas, coa carencia de educación, civismo e de respecto aos demais.
Poden estes estultos demócratas de conveniencia argumentaren o manido tema da liberdade de expresión, poden, pero non lles debera servir. Existe dende logo liberdade de expresión que faculta a calquera poder dicir o que lle pida o corpo, pero unha vez dito se debe pasar á asunción de responsabilidades.
Francisco Beca xeneral retirado manifestou publicamente que habería que fusilar a 26 millón de “hijos de puta” neste país e como si nada, pero Pablo Hasél e un tal Valtónyc , rapeiros ambos, que tamén sacaron a lingua de paseo foron condenados por ofensas á Coroa; a aquel pedíronlle nove meses de reclusión e a este, fuxido en Bélxica, tres anos e medio. Isto da a entender que as faltas son catalogadas dependendo de que flanco veñen e a quen van dirixidas as ofensas.
O discurso deste trío de libre expresión que cantaba estas aberracións nunha festa de “Vox”, que casualidade, raia, se é que non está dentro , na exaltación do terrorismo e na xenofobia pero tempo ao tempo xa verán como non haberá responsabilidade de ningún tipo e a outra cousa bolboreta!
A responsabilidade é unha obriga da que unha persoa debe responder e por moita liberdade de expresión que un queira argumentar non queda exento do compromiso de ser consecuente do que di. Cada individuo, grupo, ou asociación debe saber xestionar o que se entende por liberdade de expresión e pensar dúas veces denantes de poñeren a lingua a pasear desobedecendo unha lei da que se mofan constantemente ( LMH)
Sendo isto preocupante, desacouga máis aínda saber que este trío foi contratado por un partido político que de algún xeito parece facer súas estas teses. A touro pasado o silencio é significativo e xa se sabe que aquel que cala outorga. Moita precaución con esas mensaxes de violencia e xenofobia.