A estratexia

Nestes días tan intensos houbo quen me preguntaba como facía para poder escribir. En especial, poesía. Para que as palabras non se quedaran esquecidas da memoria. Xa se sabe que elas son como os paxaros que en cando poden voan para non volver. A miña resposta foi a de encher os petos de papeis, porque nese intre non tiña preto aquel poema de Ana Varela que di que “na fábrica os operarios aproveitaban os descansos para perseguir paxaros, metíanos en caixiñas de papel feitas con planos de barco”.

É ben certo que hai moito en común entre as palabras e os paxaros. Estes últimos son libres mentres teñen ocasión de navegar entre as nubes, e as primeiras necesitan da escrita para que poidan servir para levarnos a outro mundo mellor, aínda que só sexa literario. Pero unhas e outras, cando menos por momentos, alcanzan ese nivel máximo da liberdade. Fronte a aqueles que pretenden que en Ferrol nos devore o ruído, enchamos os días de calma, e para iso o mellor é achegarse ás librarías.


A estratexia

Te puede interesar