Un espléndido concerto

A Sociedade Filharmónica Ferrolá agasallou aos melómanos e afeccionados o pasado venres cun espléndido concerto que puxo colofón á tempada. E para a ocasión a obra elixida foi o oratorio Elías de Félix Mendelssohn: aí é nada.


En escena catro voces: soprano, baixo-barírono, alto e tenor que daban vida e voz aos personaxes do oratorio, unha orquestra sinfónica completa e un coro que cantou a catro voces e nalgún momento a tres ( con só voces femininas) ofrecendo perfectas harmonías incardinadas nunha música de alto voltaxe que supuña un deleite para os ouvidos avezados e tamén para os que só buscan pracer para os sentidos .


O oratorio consiste en contar as vivencias e vicisitudes do profeta Elías nas voces dos personaxes que sustentan o texto na sólida consistencia dunha orquestra espléndida como neste caso é a Sinfónica de Galicia. O feito de que estea en alemán evidentemente dificulta a comprensión pero iso non é un atranco insuperable pois basta con pechar os ollos e deixarse levar polas sensacións que provoca esta música onde as voces forman parte do elenco orquestral.


Non son dos que van por aí de eruditos en materia musical dando leccións e consellos a quen se pon por diante: nada más lonxe de min esa pedante intención. Ao final a música é, coma outras tantas cousas das Artes, unha disciplina á que convén acostumarse e iso require un certo esforzo. Hai quen persevera e quen abandona á primeira, pero pódovos asegurar que cando nos imos aproximando a esta música e deixamos que nos invadan as sensacións, vemos que ese descubrimento paga a pena, abofé. Porque a sensibilidade tamén se exercita e hai que adestrala.


O concerto poderíamos cualificalo como de longa duración pois no seu contexto superáronse as dúas horas, pero non se detectou cansazo ningún por parte dun público entregado a unha música de gran altura. Todo isto débese, sen dúbida, ao talento do compositor e ao libreto de Julius Schubring sen o que non habería oratorio, por suposto ao bo camiñar da orquestra neste caso maxistralmente dirixida por Antony Hermus e ao coro conducido polo mallorquino Joan Company que neste concerto puña fin ao seu ciclo como director do mesmo. E cómo non á solvencia interpretativa das catro voces que ían expondo a temática deste Elías, peza onde queda reflectida a compoñente dramática, total, excesiva e irremediablemente vitoriana como chegou a definir este oratorio un crítico pola metade do século XIX cando a súa estrea.


Parabéns a Sociedade Filharmónica Ferrolá polo seu traballo co desexo de que a vindeira tempada sega os pasos desta que agora rematou. 

Un espléndido concerto

Te puede interesar