"Gañaremos sen baixar do autocar”, ou algo parecido, é unha frase que lembro ter escoitado desde a infancia e que se atribuía ao afamado e polémico técnico Helenio Herrera cando adestraba o Barça, se ben el sempre negou que tivese dito tal cousa. HH foi un treinador moi viaxeiro e mesmo andou por Galicia adestrando o Deportivo, en 1953. Dixese ou non dixese tal, resulta curioso que o Deportivo vaia gañar nesta temporada dous partidos sen case baixar do autobús -un deles, inclusive, sen ter subido a el-, como consecuencia da exclusión do Extremadura, en cumprimento do artigo 77 do Código Disciplinario. Será, o club coruñés, o máis beneficiado -o único dos 19 en gañarlle os 6 puntos ao equipo de Almendralejo sen necesidade de xogar contra el- pola medida acordada polo Xuíz Único de Competicións Profesionalizadas e Afeccionadas de respectar as puntuaciónss obtidas polos outros equipos fronte o club extremeño antes da súa exclusión. Lembremos que o Extremadura, nos momentos de menor frustración dos xogadores, por non veren satisfeitos os seus salarios, foi quen de gañar ou empatar con equipos moi involucrados na clasificación para os play off. Na miña opinión, pois, o único verdadeiramente equitativo tería sido eliminar todos os resultados dos partidos disputados polo Extremadura.