Enerxía

Abusca de fontes de enerxía que podan substituír ao gas e o petróleo, comezou hai moito tempo, pois os máis introducidos no tema xa albiscaban que os sistemas enerxéticos convencionais tiñan data de caducidade. Por iso foron xurdindo varios sistemas alternativos, non para acadar as solucións dun relevo enerxético ocasional, senón que fosen perdurables no tempo. As centrais hidráulicas, térmicas e nucleares foron durante algún tempo unha solución provisional, que non remataba por solucionar o problema, porque seica tiña seria incidencia no sistema ecolóxico. En principio os sistemas que mellor resultado deron foron, a enerxía solar e a eólica, que aínda con moitos problemas iniciais foron mellorando e seguen ofrecendo cada vez mellores prestacións. Mais quedaron atrás, medio esquecidos, proxectos como o “mareomotriz” , aproveitando o eterno movemento das ondas mariñas, e o de ”domador de raios”, para aproveitar esa enorme carga enerxética, que se perde rachando árbores ou derrubando campanarios. Está claro que a Natureza ofrece unha enorme cantidade de posibilidades enerxéticas, velaí os volcáns, mais seica o verdadeiro problema está en recoller a enerxía e poder gardala para empregala no momento xusto. Nese sentido apareceron as baterías, cada vez máis fiables e capaces, pero que non son unha solución nin sequera a corto prazo, dado o enorme incremento do gasto enerxético producido polas novas tecnoloxías coa proliferación de tantos aparellos individuais. Demasiados, coido eu.

Enerxía

Te puede interesar