Ecuanimidade

Un dos recordos do mundo do deporte que máis me teñen acompañado ao longo da vida ten que ver cos Xogos Olimpicos celebrados en México, na segunda parte do mes de outubro de 1968. Recordo que na noitiña daqueles días tan chuviñentos -lémbranme os que estamos a desfrutar, ou padecer, neste novembro- que acompañaron a miña chegada á Universidade de Santiago, metíame nun dos locais que había fronte á entrada do derrubado edificio Castromil -na actual praza de Galicia- para ver as probas de atletismo, en realidade o único deporte que, con verdadeiro interese, seguín e sigo das olimpíadas, precisamente desde esa de México, a primeira que se puido ver en tempo real por mor das transmisións vía satélite. A inuaguración tivera lugar o 12 de outubro no Estadio Olímpico Universitario co acto de prender a chama olímpica, do que se encargou Enriqueta Basilo -corredora mexicana de 80 metros con barreiras-, que foi a primeira muller en facelo, nuns momentos convulsos, dado que só 10 días antes tivera lugar o asasinato, a mans da policía e do exército, de máis de 300 estudantes asistentes a un mitin na Praza das Tres Culturas, masacre amparada na salvagarda dos Xogos.


Lembro ben moitas das excepcionais escenas deportivas daquela olimpíada: o salto de altura de Fosbury, cun novo e orixinal estilo que se acabou por converter en maioritario; o voo de 8,90 metros do Bob Beamon en lonxitude, record vixente máis de 20 anos; os 9,95 segundos de Jim Hines en 100 metros -primeira vez por baixo de 10”-; os 43,86 de Lee Evans, primeiro en baixar de 44”; os 19.83 de Tommie Smith en 200 metros, record mundial que permanecería 11 anos...


Recordo todo isto case que con toda nitidez -verdade é que o volvín ver algunhas veces máis-, pero o que máis me quedou gravado -é ao que me refería ao comezo- foi o acto de entrega de medallas desa proba de 200 metros. Ver no podio o australiano Peter Norman (medalla de prata), na compaña do gañador Smith e de John Carlos -primeiro home en baixar dos 20”, que gañara o bronce- mirando ao chan, con calcetíns negros como calzado e cos puños ergueitos, enluvados en negro, mentres soaba o himno dos Estados Unidos produciume unha impresión tal que nunca se me foi da cabeza. Que denuncia tan oportuna do racismo imperante na terra dos ianquis.


Nin que dicir ten que foron expulsados da Vila Olímpica e que se lle arruinou a vida atlética. Porque gobernantes e benpensantes non adoitan ver con bos ollos as protestas sociais dos deportistas. Velaí os aínda recentes improperios -pedindo que o despedisen- verquidos por Trump contra o xogador de football americano Colin Kaepernick, abandeirado de fincar o xeonllo no chan en apoio do movimento Black Lives Matters, e outros deportistas que seguiron ese camiño.


Mais o tratamento dado aos diferentes casos non é a mesma. En 1968, ano do que falamos, os Estados Unidos estaban guerreando en Vietnam e non pasou nada. En 1980, a URSS estaba en Afganistán e os americanos chamaron ao boicot á Olimpíada de Moscú. Recentemente, os “organismos deportivos internacionais”, decidiron apartar a Rusia das competicións. Mais agora non fan o mesmo con Israel. Dise que os deportistas deben dar exemplo. Estará cumprindo esa misión un futbolista israelí que fala de lanzar “200 toneladas de bombas sobre Gaza”, ou de  o atacar sen avisar, ou de aplastar, borrar...? Club e organismos políticos e deportivos calados como petos. 

Ecuanimidade

Te puede interesar