Le déserteur

Semanas despois de acabada a temporada de verán, andei quitando do medio os útiles que se adoitan levar á praia, entre os que ficaran dous libros que acompañaran as miñas horas de sol deitado na area, do que dan fan fe os graos desta que aínda se poden atopar entre as páxinas. As obras en cuestión son dúas novelas de Boris Vian, mercadas na primavera, nunha das miñas frecuentes viaxes a Portugal, na moi recomendable libraría Centésima páxina de Braga: A Espuma dos Días e Morte aos Feios, versións portuguesas de L’Écume des Jours (1947) e Et on tuera tous les affreux (1948, publicada so o pseudónimo de Vernon Sullivan), editadas pola Relógio d’Água Editores. 


Cando as vin lembreime de Fefi e pensei que se cadra algún día, cando nos vísemos, poderiamos falar da faceta narradora dese escritor, músico, cantor, instrumentista e tantas outras cousas que foi Boris Vian. E uso o futuro potencial porque descoñecía –e descoñezo– se o amigo Naveiras lera algo da novelística do polifacético enxeñeiro francés, un dos pais, sen dúbida, do rock’n’roll francés. Disto si sei que Fefi Naveiras era máis que bo coñecedor, como o era de tanta música francesa e doutros moitos lugares. Amaba, como a amamos nós, un bocadiño máis vellos –refírome aos meus amigos ferroláns adolescentes e mozos dos anos sesenta– a música das e dos grandes cantautores franceses ou afrancesados (Leo Ferré, Jacques Brel, Jean Ferrat, Barbara, Juliette Gréco, Brassens...) e cantábaos cunha moi ben cuidada pronuncia.

 

Marabillábame –téñollo comentado máis dunha vez– escoitalo intepretando coa guitarra “Le déserteur”, por iso calquera referencia a Boris Vian –como no caso das citadas novelas– hai tempo que me trae á cabeza a figura de Fefi e a súa guitarra en Cazadores, que alí foi, se a memoria non me atraizoa, onde o vin cantala por primeira vez. Que texto e que música mellores para tempos tan guerreiros como estamos a padecer. Habería que repetir e repetir as veces que faga falta o que escribiu e cantou Vian como cantaron tamén Mouloudji, Reggiani, Joan Baez ou, entre nós, Fefi Naveiras: “Ma décision est prise / Je m’en vais déserter //...// Et je dirai aux gens: / Refusez d’obéir / Refusez de la faire / N’allez pas à la guerre / Refusez de partir / S’il faut donner son sang / Allez donner le vôtre / Vous êtes bon apôtre / Monsieur le Président”. Ou o que ven sendo o mesmo: “A miña decisión está tomada; vou desertar. E direille á xente que se negue a obedecer, que se negue a facela, que non vaia á guerra, que se negue a partir e que, se hai que dar o sangue, vaia vostede dar a súa, vostede que é un bo apóstol, señor Presidente”.


Fernando Naveiras deixounos, antes do que debería ter sido, sen dúbida. Triste nova, como non. Como certo, certísimo é todo o bo que lin sobre el a raíz do seu pasamento, e como o subscribo na súa totalidade sen quitar nin unha coma, non quixen abondar no mesmo e preferín lembralo doutro xeito. Adóitase dicir que ninguén morre de todo mentres haxa quen o recorde. Teño o convencemento de que sempre vou recordar a súa bonhomía e o seu “déserteur”.

Le déserteur

Te puede interesar