Desconcertante

Non é doado de entender. Xa estamos afeitos a novas das pequenas guerras que xorden a cotío por todos os recunchos do planeta, pero unha nova guerra mundial semellaba estar lonxe do horizonte, tendo en conta a igualdade de forzas entre as grandes potencias e a proliferación de armas de destrución masiva, que en caso de enfrontamento mundial nos levaría a un holocausto total, é dicir, que aquí non quedaría nin can nin gato.

Por iso, resulta bastante desconcertante que o ruso Señor Putin tomara a decisión de atacar a Ucraína sen previo aviso e, segundo parece, sen provocación previa por parte dos ucraínos. Mais estraño aínda, tendo en conta a terrible experiencia sufrida polo pobo ruso ante o ataque aleivoso do exército alemán nos anos corenta do pasado século.

Cal pode ser o motivo dese repentino ataque? Seica xa había diferenzas ideolóxica e doutros tipos, entre ambos os dous países, antano membros da URSS, mais non se agardaba unha reacción tan virulenta por parte dos rusos, un pobo que, segundo unha parte da Historia, era amante da paz e da cultura e que, tanto sufrimento tivo que aturar en varias épocas da súa existencia.

Teño lido en algures un comentario do Presidente Jhon F. Kenedy, louvando a enteireza do pobo ruso ante tanto sufrimento na segunda guerra mundial. Sendo así, non parece normal ese comportamento por parte do pobo, senón máis ben a decisión dos representantes máximos do poder no país.

E, por outra banda, tampouco parecía o sr. Putín un perigoso louco, que fora quen de poñer o mundo “patas arriba” por un simple capricho. Aí ten que haber algo máis, que escapa ao coñecemento dun cidadán normal. Haberá que agardar a coñecer as opinións dos analistas políticos e, sempre sen perder a esperanza de que o mesmo pobo ruso, consciente da inxustiza e do perigo que para eles mesmos supón un enfrontamento armado a nivel mundial, faga o posible para facer entrar en razón aos máximos responsables do país.

Eu teño esa esperanza, sen máis fundamento que a miña admiración para aqueles que, despois de tanto sufrir, souberon erguerse e saír adiante de tan difíciles situacións. Esperanza e desexo. Si.


Desconcertante

Te puede interesar