Da pertenza

Somos seres sociais e coma tales, precisamos sentirnos parte de círculos de afinidades, militancias ou de afectos. Círculos grandes, pequenos e medianos que marcan conexións e anuncian pertenzas a grupos humanos que senten, pensan e comparten con nos, amplos e diversos intereses. A pertenza é unha sinal de identidade que, dalgún xeito, permite clasificarnos. Sexa por orixe ou por ideoloxía, crean lazos de relación e dependencia. Sentirse apreciado, valorado e respectado, son elementos básicos das relacións humanas, como pode ser amar, desexar ou botar de menos. 
 

Pero tampouco o sentimento de pertenza é horizontal. Nada é simple nin doado. Sempre hai grupos dentro dos grupos, que acaban facendo que todo xire en órbitas excéntricas, incluso con prioridades diferentes.  Tampouco dentro dos grupos hai niveis homoxéneos, polo que conviven capaces e incapaces, con xenios e nulos de solemnidade. Por iso, e pola natural inclinación dos máis incapaces a acaparar micrófonos e atención para facerse notar, é cando teñen lugar os grandes movementos tectónicos de disputa que evidencian que, aínda pertencendo ao mesmo grupo, somos e pensamos  diferente. Pola contra, tamén iso provoca sentimentos de non pertenza, de desarraigo ou de abandono da posición de partida. Pasa nos grupos laborais, nos partidos políticos e ata nos clubs de fútbol. Xentes que sen saber xestionar adecuadamente o seu, pretenden –tocando de orella– manexar o do outro. Sen reflexión nin moderación, saltan coma espontáneos á area, pretendendo lucirse na faena. Ata que a realidade do sentido común, lle pasa radicalmente por riba. Pertencer non significa ser idénticos. Hai bos, malos, corruptos, legais, humildes e soberbios. A pertenza non da licencia para nada, nin permite saltarse norma algunha. Tampouco da máis luces a quen vive na escuridade da ignorancia. Pertencer, como marco xeral, é compartir unha íntima sensación de refuxio. 
 

Camiñarte ten a paixón coa que se constrúen os amenceres...

Da pertenza

Te puede interesar