Da curiosidade

Sempre se dixera que eureka era o termo de aplicación nos procesos de investigación que anticipan unha acción exitosa. Pero non é completamente certo.


A  palabra que ilumina e empurra o avance da ciencia e da técnica é Que curioso. Expresión que se utiliza cando un observador interesado, cae na conta de que algo non se axusta ao establecido.


O feito de darse conta da existencia dun factor diferenciador nun proceso de investigación, é o elemento que activa unha liña concreta de experimentación que, con moita seguridade, conducirá irremediablemente ao éxito. A curiosidade, entendida coma elemento propio da actividade intelectual, sempre estivo na base do coñecemento. Sempre forneceu os puntos de partida para poder formular hipóteses imprescindibles, que levaran a avanzar nos procesos científicos.


Descubrir e aplicar os descubrimentos nas máis diversas áreas da economía e da industria, foron os motores que impulsaron os avances e facilitaron os progresos dos que, como sociedade, desfrutamos. A curiosidade debera fomentar o pensamento crítico e facernos  así invulnerables ante bulos e fake-news. Nunca, ningunha sociedade de ningunha época, estivo tan formada, nin tivo tanta información- tan instantánea e tan diversa- coma esta.


E sen embargo, seguimos sendo unha sociedade manipulable pola falla de criterio e pola non aplicación da esixencia e do rigor intelectual naquilo que se nos quere vender. A falla de curiosidade acaba por facernos confundir información con opinión. As redes e as opinións interesadas de empresas de comunicación, ben envoltas en morbo e titulares escandalosos, producen monstros de consumo inmediato que asentan ideas falsas intencionadamente.  


Perder a curiosidade por saber e polo rigor da comunicación, é perder o mecanismo que nos permite discriminar e discernir o verdadeiro do falso. Polo tanto, lonxe  de ser seres libres e con criterio, seremos (quizás inconscientemente) meras correas de transmisión de intereses alleos.


Sentirte ten a arquitectura do equilibrio. Quererte sempre será unha luz que permanece...  

Da curiosidade

Te puede interesar