O cumio de Madrid

Pois segundo parece todos os socios da OTAN quedaron satisfeitos de como España organizou o Cumio de Madrid e do que nel se tratou. Do que transcendeu dedúcense dúas cousas: a) que chegaron á conclusión de que temos un inimigo chamado Rusia e un adversario denominado China e  b) que se necesitan máis inversións nos gastos da defensa. 
 

A primeira dedución lévame a aqueles tempos da chamada guerra fría cando o equilibrio de forzas estaba entre a URSS e os EE:UU, cando aquel pulso entre bloques estivo a piques de converter a guerra fría en quente por mor da “crises” dos mísiles soviéticos en Cuba. Pois arestora parece que seguemos a estaren nun conflito entre bos e malos co ollo do furacán na guerra ruso ucraína a punto de provocar a “tormenta perfecta”. 
 

E respecto á segunda conclusión á que chegaron os socios do Club no cumio de Madrid direi que non a entendo, seguramente debido ao meu descoñecemento do que realmente se coce nesas xuntanzas a alto nivel. Explícome: o gasto militar de Rusia ascende a uns 70.000 millóns de euros. Por outra banda a OTAN solicita uns 90.000 millóns  máis dos que xa ten presupostados ( a achega dos EE.UU é dun 70%). Visto así está clara a desigualdade, e xa que logo penso, dentro do meu mar de dúbidas, que non sería necesario ese incremento que solicita a Alianza. España pensa duplicar (ata un  2% do noso PIB) os gastos de “defensa” o que me parece un dispendio tendo sobre a mesa asuntos sociais  que reclaman urxente atención. 
 

Todos lembramos aquilo de: OTAN de entrada NO, campaña liderada polas forzas progresistas de esquerda do noso país. Logo, nun exercicio de malabarismo político pasouse a: OTAN de entrada SI, cando a España non a ía coñecer nin a nai que a pariu. Ai! aquela esquerda que tantas ilusións espertou naqueles intres da nosa incipiente democracia. “Tempos fuxit” e con eles aquelas arelas. 
 

De que ataque a liberdade nos queren defender? As guerras arestora só teñen unha xustificación: a económica, e enganados estamos se nos poñen a liberdade por diante.
 

Os que din seren paladíns da liberdade e da democracia apoiaron sen ambaxes a ditaduras  incluída a nosa, participaron en guerras lonxe das súas raias: Vietnam, Iraq, Libia, Afganistán, etc, as veces saíndo pola porta de atrás e deixando a eses países a mercé da súa sorte. A forza é poder e por iso necesitamos e pedimos máis músculo militar.
 

A cidadanía merece que nos dean explicacións, pero moito me temo que se chegan, virán mutiladas ou ben diranos as que lles interesen aos dirixentes. En fin, coma sempre.
 

O cumio de Madrid

Te puede interesar