Creacionismo e evolucionismo

Son evidentemente dúas teorías contrapostas, unha baseada na intervención divina na creación do universo e as súas formas de vida e outra sustentada no criterio científico da evolución, é dicir: que o ser humano chegou ata aquí, a sermos o que somos, en base a un proceso a través do tempo. O creacionismo é un concepto que a igrexa nos foi metendo día a día por máis de dous mil anos. O evolucionismo toma corpo e importancia a raíz da publicación da “Orixe das especies” de Charles Darwin no recente século XIX. Denantes, o universo e todos os seres vivos, todo, era responsabilidade de Deus. E, como din que somos seres racionais, razoemos un pouco.


Dende pequenos, no catecismo aquel, dicíannos que un bo día Deus doulle vida a unha estatua de barro: Adán, o primeiro ser humano, e mentres este durmía, quitoulle unha costela e con ela crea a Eva. Xa temos unha parella sobre a Terra disposta a procrear e a poboar este bendito, nunca mellor dito, mundo que Deus creou en seis días. O sétimo descansou, que ben merecido o tiña logo de tan magna obra. Pero ata onde chegamos neste relato Adán e Eva tiveron dous fillos: Caín e Abel, e aquí xa comeza o galimatías do que, a pouco que reflexionemos, non damos saído. Se pretendemos entrar nos detalles de como se orixina todo isto da nada, podemos caer en dúbidas consideradas sacrílegas. Todo se resume en dúas palabras: cuestión de fe.


O bo de Darwin, considerado unha eminencia, baseaba a súa teoría en que a selección natural é a causa da aparición de todos os seres vivos. Todos somos resultado de cambios graduais a partir de antecesores. Xa sabemos que igrexa e ciencia nunca se levaron ben, así que o enfrontamento entre creacionistas e evolucionistas estivo servido dende o século XIX. Por outra banda, a ningún creacionista gústalle pensar que os nosos antecesores foron primates. Gústalles máis crer que somos descendentes de Adán e Eva, malpocados!


Evidentemente, un pode pensar o que lle pete, faltaría máis, e manifestalo publicamente, pero penso que non é equidistante poñer á mesma altura a un leriante e a un científico. O falangueiro pódenos contar milongas moi divertidas e incluso atractivas, mentres o científico tratará de axustarse aos principios da ciencia para explicar as causas das cousas. Vénme agora á memoria cando decidiron aplicar a proba do carbono 14 á famosa saba santa de Turín, esa que din foi sudario de Cristo. Cando a ciencia ditaminou que o lenzo non correspondía á época, o Vaticano ditou a súa sentenza: equivócase o carbono 14. Para que lle dar máis voltas, ho!

Creacionismo e evolucionismo

Te puede interesar