A Coruña, no cume

O cume bilateral que España e Alemaña celebrarán en outubro ten moitas lecturas. O encontro dos gobernos en pleno de ambos países supón, desde logo, un referendo do peso do noso país –e do noso Goberno- na política internacional, un ámbito no que España ten recuperado nos últimos anos moito terreo perdido. Mais non é só nese eido, e non só a nivel nacional, no que temos recuperado terreo. O cume entre Pedro Sánchez e Olaf Scholz non terá lugar nin en Madrid nin en Berlín, nin en Barcelona nin en Múnich. Celebrarse na Coruña. Nunca a nosa cidade acollera unha cita internacional de tal relevo. Hai que remontarse dúas décadas atrás para a atopar un encontro de primeiro relevo institucional, mais aquel foi só de ámbito nacional. Que o Goberno en pleno da primeira economía europea co noso presidente como anfitrión veña á Coruña supón ir bastantes pasos máis alá. Entre outras cousas porque supón a confirmación do traballo levado a cabo pola nosa alcaldesa, Inés Rey, un traballo que supuxo poñer de novo á nosa cidade no mapa, algo que se ten conseguido de xeito figurado, mais tamén de xeito literal, como demostra o cume hispano-alemán. A Coruña será, os día 5 e 6 de outubro, a capital da política europea, e será tamén, por iso mesmo, unha cidade que terá visibilidade en todo o continente e mesmo fóra de el. A cidade ten gañado en proxección e é un feito indubidable que volve a ser un referente como o foi durante décadas de gobernos progresistas. O diario británico The Guardian incluía recentemente á Coruña na lista das dez mellores cidades europeas, unha nómina moi exclusiva na que non é habitual atopar destinos como o noso. Quen vive na Coruña xa sabía que a súa cidade era das mellores do mundo. É bo que agora o saiban tamén os demais, tanto de cerca como de lonxe. Desde o Concello estamos a facer un grande esforzo por darlle de novo á Coruña o pulo que merece e que lle faltou nos últimos anos. Esta cidade ten recuperado o seu orgullo e con el a súa proxección. Estar no mapa non é para nós unha metáfora. Estamos de novo no mapa das urbes máis relevantes, no mapa da cultura e das políticas progresistas, no mapa da mobilidade sostible e do coidado do espazo público. E estamos tamén no mapa porque este Goberno ten acadado tamén, por primeira vez na historia do noso aeroporto, cinco conexións internacionais con voo directo que nos fan máis centro aínda nese mapa. A Coruña volver ser o espello onde moitos se miran, e a nosa vontade é seguir por esa senda, a que busca converter a nosa urbe nun modelo cada vez máis puxante. O cume hispano-alemán estará, en fin, na Coruña, mais A Coruña estará tamén no cume. 

A Coruña, no cume

Te puede interesar