A cor do Nadal

No mundo actual, polo menos na orbe occidental que habitamos, fica moi lonxe o espírito desta mítica panxoliña:  “Oh, branco Nadal, neve /  un branco soño e un cantar / lembrar a túa infancia poderás / ao chegar o branco Nadal”. 


Agora a cor xa non é branca de pureza natural; nestes tempos é vermella. Si, vermella do sangue que producen as balas criminais nas guerras inxustificábeis que segan vidas infantís. Vermella, tamén, na cor decorativa da simboloxía do consumismo orquestrado polo negocio mercantil que perverte o espírito da fraternidade. Sen dúbida algunha, o Nadal é unha das festas máis populares e esperadas do ano. Suponse que é unha época de paz, amor e alegría, na que celebramos o nacemento de quen veu ao mundo para salvarnos do pecado e da morte. Do deus fillo que marca os tempos dunha civilización que devide a historia precisamente en antes e despois de Cristo, malia que por reviravoltas do interese político, nunha das máis retranqueiras contradicións da narrativa, fixesen que o Neno Xesús nacese cinco días antes de que se iniciara a nova era que principia co seu nacemento. Un paradoxo distópico. 


Con todo, que sentido ten esta celebración se millóns de persoas, especialmente nenos, sofren as consecuencias da pobreza, a fame, a guerra e a inxustiza?. Segundo un novo informe que vén de achegar outra ONG, a situación da poboación mundial é alarmante. Cada día morren 15.000 nenos por causas evitables, e máis de 250 millóns de nenos son vítimas do traballo infantil, a explotación, o abuso e a violencia. Estes datos son só unha mostra da enorme fenda que existe entre os que teñen moito e os que non teñen case nada. Mentres tanto, vivimos un modelo de Nadal orientado ao consumo, que fomenta os impulsos de compra como unha obsesiva necesidade social. Fáisenos crer que a felicidade se mide pola cantidade e o valor dos agasallos que damos e recibimos, e que o éxito se basea no diñeiro e o poder. 


Esta forma de entender o Nadal desvirtuou o seu orixinal significado e substituíu os símbolos tradicionais por outros máis comerciais. Así, os Reis Magos tradicionais foron relegados polo Papá Noel, figura da mercadotecnia, con deseño calculado na forma simbólica da personaxe, incluída a cor vermella que non é casual xa que é froito de cálculo para producir o efecto de negocio buscado. O Nadal é festa de luces. Precísase mudar a cor vermella pola da xustiza e da equidade.

A cor do Nadal

Te puede interesar