A mediados do mes pasado fun pasar a primeira parte dunha fin de semana -que o domingo xogaba o Racing na Malata- a Braga, viaxe, sempre, máis que gratificante.
Ademais de pasear e de conversar, como de costume, desta volta tiña interese en mercar un bandolim -por aquí adoitamos chamarlle mandolina- na Son da Sé, a tenda que a fábrica de António Pinto Carvalho -sita na bracarense exfreguesía de Celeirós- ten ao pé da catedral da capital miñota. Magníficos instrumentos artesanais, ou case, de fabricación portuguesa, que se venden `por todas as partes do mundo. Xa tiña comprado un cavaquinho e un ukelele concerto e agora adquirín esa mandolina, que soa de marabilla e que agardo poder tocar minimamente canto antes.
Despraceime, tamén, para asistir á “Noite de Fado Convergente”, que tivo lugar na tarde-noite do venres 17, no Centro da Juventude, coa participación de Iria Estévez e Tiago Correia, acompañados por Artur Caldeira, á guitarra portuguesa, e Daniel Paredes, á viola, o que nós denominamos guitarra, como é sabido. Desfrutei co concerto.
Sorprendeume tanto a mestría de Artur Caldeira, porque non caio en ter escoitado falar antes del, como a excelente interpretación que do fado fai a cantante luguesa Iria Estévez, á que nunca vira actuar en directo.
Este concerto era unha das actividades da 9ª edición das Convergências, o festival cultural Portugal-Galiza, que no presente ano 2023 se desenvolveu, entre o 10 e o 25 de febreiro, nas localidades de Braga, Ponteareas e Santiago.
Aínda que cada ano, desde que nos coñecemos, que foi aló por 2017, o amigo Carlos Pazos -profesor da Universidade do Minho- me fai chegar o programa destes interesantes encontros, nunca ata esta edición atopara un oco para asistir a algún dos actos programados. Mais este ano, por fin, foron dous, xa que, ademais do dos fados de Braga, acudín á Cidade da Cultura compostelá para ver e escoitar o “Concerto ‘Tributo a Zeca Afonso e Rosalía de Castro’”, no que participaron o grupo bracarense Canto d’Aqui, interpretando temas do cantor do Grândola, Iria Estévez, que desta volta cantou versos de Rosalía, e Pedro Jóia -un excepcional guitarrista que me entusiasma- que tamén tocou pezas de José Afonso. Fermoso espectáculo no que tiven o pracer de saudar benqueridas amizades de vello, como son Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro ou Marisa Moreda, exalumna brillante e profesora de secundaria en Vilagarcía.
Se cadra non está de máis recordar que estes encontros, que se iniciaron en febreiro de 2015, surxiron en conversas entre a nosa Uxía Senlle e o Jaime Torres, alma mater do Canto d’Aqui que atoparon a data do 23 de febreiro como nexo de unión entre Rosalía e o Zeca, pois vén sendo o día no que conmemoramos o aniversario do nacemento da poeta e o cabodano do cantor.
Canto d’Aqui e o Centro de Estudos Galegos da Universidade do Minho, co apoio do Município de Braga e da Xunta de Galicia, son, basicamente, as entidades e institucións que os veñen sostendo.
Tamén quero lembrar que xa na primeira das Converencias houbo presenza ferrolá, pois nela actuou o grande Manolo Bacallau acompañado pola guitarra do non menos grande Cabe García.