Conciliación

Téñolle escoitado dicir ao Chico Buarque, ese excelente e multifacético artista (compositor, cantante, narrador, poeta, dramaturgo, futboleiro...) brasileiro que no Brasil, por moito que algúns e algunhas persoas que se consideren brancas, non hai brasileiro ou brasileira que non teña certo grao de mestizaxe.  

 

Di que os brasileiros non aceptan o feito de ser mestizos, que no Brasil o da cor é unha historia mal resolvida. El mesmo é visto como branco, mais sabe que non o é de todo. No Brasil, é evidente, hai racismo, se cadra máis que aquí, que tamén o hai. Por iso esas manifestacións multitudinarias contra o racismo -mesmo sen seren de todo sinceras- están ben, son necesarias. 

 

É preciso parar as agresións verbais -que detrás delas veñen as físicas- que se escoitan de cotío nos recintos deportivos saídas das bocas de membros de grupos fascistas ou fascistoides. Están na liña dos discursos contra a inmigración que lanzan os partidos da dereita ou da extrema dereita día si, día tamén. 

 

O curioso é que mentres o dito polos políticos vai contra inmigrantes, que, á par da súa pel obscura, son pobres e, por tanto, no entender dos xenófobos, potenciais delincuentes, o berrado nos recintos deportivos vai contra persoas de diferente tonalidade de pel con cartos, mesmo con moito diñeiro. Mais, no fundo, a agresión é a mesma e non se poden consentir eses tipos de comportamento. 

 

Do perigoso que pode chegar a converterse a xenofobia temos un dramático exemplo nas terras palestinas, un exemplo de barbarie extrema que semella que ninguén ve imprescindible parar xa. Á vista de tanta canallada xunta confortoume ler o que hai uns días anunciou o ministro de Dereitos Sociais, a creación dunha comisión sobre a “memoria y reconciliación con el pueblo gitano”. Segundo a noticia publicada no noso Diario, esta manifestación fíxose no acto institucional que tivo lugar, nos Xardíns Húmedos da Ponte de Segovia, con motivo do Día Internacional do Pobo Cigano. 

 

Por se temos dúbida de que vivimos nunha sociedade tradicionalmente racista non hai máis que pensar nas relacións entre paios e ciganos, que non son, precisamente, un exemplo de convivencia perfecta. Con todo, debo dicir que non hai moito, nos últimos anos que pasei en Ferrol, vivín a escasos trinta metros da vivenda dunha numerosa familia cigana coa que non souben que houbese problemas de ningún tipo. 

 

Penso, non obstante, que o traballo para acadar esa desexada “reconciliación” anunciada polo señor Bustinduy non vai ser nin breve nin doado, mais sempre ten que haber un principio e a partir de aí tentar lograr o obxectivo. Que oxalá se consiga. O que me chamou a atención no texto da noticia foi o uso de “reconciliación”.  Segundo o excelente Nuevo diccionario etimológico Latín-Español y de las voces derivadas, de Santiago Segura -o meu libro de cabeceira para estes temas-, o verbo latino concĭlĭō, -āre, -āvi, -ātum deu en galego conciliar, unir, reunir, mesturar, achegar... 

 

Este verbo latino precedido de re-, proverbio que indica movemento cara atrás ou volta a un estado anterior, deu o galego reconciliar, que vén sendo unha volta a un estado anterior, isto é, a unha situación de conciliación, reunión, mestura, achegamento existente noutro tempo. Mais como, segundo parece demostrar a historia, esa situación de convivencia igualitaria entre paios e ciganos non tivo lugar entre nós, entendo que máis que de reconciliación sería máis apropiado falar de conciliación. 

Conciliación

Te puede interesar