Non queríamos rematar este ano, no que se cumple o centenario do nacemento de María Antonia Dans (Oza dos Ríos, 1922, Madrid, 1988), sin dedicar unha lembranza a quen foi unha das nosas máis singulares artistas e quizáis a que millor soubo expresar ese mundo rural cheo de gracia e inocencia que viviu no concello de Curtis no que se desenvolveu a súa infancia, un mundo do que tamén participamos por nacemento no pobo de Teixeiro e por vivencias. Dentro da humildade que, sen dúbida, caracterizaba aquela vida ancorada, en gran parte, na economía agraria e gandeira, respirábanse a solidariedade, o sentido de compartir e unha leda vitalidade; as feiras, as festas, os antroidos, a matanza, o Nadal, os casoiros, os xogos na rúa de rapaces e rapazas, as mallas, as colleitas... todo era motivo de xuntanza e de ledicia e María Antonia Danzs atinxiu, como ninguén, a captar ese espíritu e a darlle forma en maravillosos cadros de vibrante cromatismo nos que entoa un afervoado canto por esa vida beata, á que ela, como verdadeira creadora, soubo vestir coas roupaxes da súa feraz imaxinación. Formada, en principio, na figuración aprendida na escola que Lolita Díaz Valiño tiña na Coruña, pronto, sobre todo a partir do seu traslado a Madrid onde entra nos círculos artísticos e literarios, atoparía unha linguaxe persoal na que destaca a procura de síntese e o refinamento formal disfrazado de ruralismo, no que puido influir a súa amistade con Benjamín Palencia, pero que tamén ten ecos das gozosas evocacións de Chagall e das ensoñacións idílicas de Gauguin. Achegada a un certo expresionismo amable, que algúns calificaron de inxenuista, en realidade, o que busca é a transfiguración da natureza, das paisaxes e das xentes coas que convive, na arela de traducir en goce estético ese íntimo goce vital que lle transmiten; de aí, a busca da síntese, do matiz, da gracia compositiva, das entonacións perfectamente acordadas de cores cálidas e frías, a miúdo vermello-laranxas e verdeazuladas, de aí tamén a ruptura con calqueira canon academicista. Aparte dos bodegóns e dos retratos, nos que manifestou unha grande pericia, a súa inspiración nútrese desas vivencias paradisíacas da paisaxe galega e das xentes do pobo, en especial o universo femenino que traduce en escenas bucólicas dun lirismo xeórxico que pode ter tamén un lene acento de saudade, sobre todo nas maternidades e nas figuras agardantes das súas vendedoras, como “Muller con queixos” ou “Muller con mazáns”. Toda a súa obra está transida da maxia evocadora desa esencialidade de noso, un mundo afirmado na tradición e quizais a piques de desaparecer e que ela traduce a unha poética visual de enorme sutileza, de liñas concisas e orquestrada policromía coa que consigue transmitir o potencial telúrico-cósmico que a animaba.” En Galicia- confesaba en 1984, neste xornal- teño o cobixo, a calor, o sentirme protexida por un estraño vinculo coa terra...” e, xa próxima a súa morte, en 1985, afirmaba a pervivencia do seu mundo galaico da nenez.