A miña avoa Marce tiña un costume curioso. Lectora voraz, gustáballe comezar os libros polo primeiro capítulo e, inmediatamente, lía o último. Desta maneira, dicía que tiña xa toda a trama da novela na súa cabeza e podía ler o resto do libro sen o nerviosismo e a intriga propia de moitas lecturas, e podíase fixar moito mellor nos detalles da obra sacando así moito máis mollo ao descrito polo escritor.
Celebramos hoxe o día de Pascua. Nas lecturas da eucaristía deste día hai un mandato de Xesús aos seus discípulos ao descubrirlle resucitado: “Volvede a Galilea”, é dicir, volvede onde comezou todo e relede todo desde este final que xa coñecedes: a súa paixón, morte e resurrección. A festa da Pascua é unha invitación para ler toda a nosa existencia desde a Pascua, que é o final do noso libro e da historia.
Paréceme un exercicio necesario na vida dos crentes: desde a Pascua todo adquire un significado novo, un horizonte distinto, unha profundidade maior, unha esperanza fundante, un sentido máis fondo. A Pascua de Xesús é a vitoria sobre a morte, salvándonos así da escuridade e do abismo da existencia. Baixando Xesús ao burato da morte encheuna co seu amor e, dese xeito, desatou o nó gordiano que nos ataba dramaticamente ao medo e ao baleiro.
Velo todo desde a Pascua é un exercicio san que nos produce paz e gozo interior. O gozo e a paz que é son a consecuencia de descubrir a vida, o mundo e os seus misterios cunha nova luz.
Porque a Pascua é a festa da luz que nos posibilita, como a auténtica luz, o encontro coas persoas e con Deus, o coñecemento auténtico, o acceso á realidade verdadeira das cousas. Velo todo desde a Pascua permítenos coñecer mellor o sentido do mundo, descubrir de onde vén e onde vai, cal é o seu misterio máis profundo e o do ser humano que nel habita.
Por iso, é fermoso celebrar cada ano a festa da Pascua e ofrecer ao mundo esta luz que nace deste día. Unha luz que é capaz de xerar unha nova creación, que é o que realmente acontece neste primeiro día da semana no que nos atopamos. Da Pascua xorde unha “forza de vida imparable” que, por outra banda, necesitamos e ansiamos para reconstruír este mundo desfeito e inhumano. Unha vida provocadora, inserta xa nesta historia, que se visibiliza en tantos brotes de resurrección que se nos agochan pero existen.
Durante estes días colocaremos en todas as nosas igrexas un cirio pascual que representa a Xesucristo resucitado. Deste xeito lémbrasenos esta certeza: fomos iluminados por Cristo. No bautismo recibimos a súa luz e descubrimos uns ollos novos para iluminar as cruces do noso mundo, o silencio da dor, a negación do pecado.
Ao comentar este feito, o papa Benedicto dicíanos: “A luz da vela ilumina consumíndose a si mesma. Dá luz dándose a si mesma. Así, representa de maneira marabillosa o misterio pascual de Cristo que se entrega a si mesmo, e deste xeito dá moita luz. Por outra banda, a luz da vela é lume. O lume é unha forza que forxa o mundo, un poder que transforma. E o lume dá calor.
Tamén nisto faise novamente visible o misterio de Cristo. Cristo, a luz, é lume, é chama que destrúe o mal, transformando así ao mundo e a nós mesmos”.
Convídovos a “volver a Galilea” desde esta luz nova que nos enche de esperanza e forza. Feliz Pascua de Resurrección! Feliz vida nova!
O voso irmán e amigo.
Fernando García Cadiñanos
é Bispo de Mondoñedo-Ferrol