Cataclismo climático

Visto o resultado do último Cumio do Clima, a COP28 de Dubai, sentenciado na frase do mandatario anfitrión, que é ademais o director xeral da petroleira estatal do emirato, coa defensa a porfía do modelo enerxético que leva ao cataclismo planetario, afirmando que “non hai ningunha ciencia que apoie que o abandono de combustibles fósiles é o que permitirá controlar o cambio climático”, palabras que espertaron unha fervenza de críticas por parte de organizacións ecoloxistas, de dereitos humanos e outros persoas de ben por toda a órbita mundial. Afirmación nas antípodas do secretario xeral de Nacións Unidas, referidas a esta cuestión no seu discurso durante a apertura do cume: “A ciencia é clara, o límite de 1,5 graos só é posible se deixamos de queimar todos os combustibles fósiles”.  


O mesmo diplomático que meses antes, a respecto da emerxencia climática, deixara esta mensaxe: Estamos abrindo as portas do inferno. Dialéctica confrontada que é mostra da dinámica na que se impón o poder económico da industria dos combustíbeis fósiles, sobre o criterio dos científicos das diversas disciplinas que se dedican a auscultar o pulso da nosa maltreita biosfera, e levan decenios aterrados, alertando que “hai unha gran probabilidade de que a maior parte da humanidade sexa exterminada antes de que finalice o século”. Por iso, é tempo de lembrar que a  emerxencia que Susan George esbozou co seu Informe Lugano, en 1998, foi facéndose máis probable nos anos transcorridos desde a súa publicación. Daquela, un grupo de traballo multitudinario, convocado para analizar o futuro da economía planetaria, chegou á conclusión que esta estaba torpemente xestionada, baixo a ameaza dos seus propios excesos e de seguir así dirixíase cara ao colapso ecolóxico sen camiño certo para garantir a supervivencia a longo prazo. Aquel informe exploraba novos territorios, armado dunha lóxica inexorable que ía do diagnóstico máis frío á cura máis razoábel; avisando sobre a necesidade de tomar medidas decisivas para mitigar estes riscos, fomentando a transición cara a sociedades máis sostibles, xustas e inclusivas. É dicir, reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e abordar as disparidades económicas e sociais. Precísase dun cambio de paradigma cara a un enfoque eco social. As temperaturas récord queiman á Terra e os fenómenos meteorolóxicos extremos, cada vez máis virulentos, empuxan a millóns de persoas cara á fame. A adopción de medidas para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e a transición cara a fontes de enerxía renovable son imperativos inmediatos. 

Cataclismo climático

Te puede interesar