Leche si, whisky no”, berraba a torcida do OAR Clesa que abarrotaba o pavillón da Malata, cando o equipo ferrolán se enfrentaba ao Breogán lugués, cando este –que tamén foi Leche Río– estaba patrocinado polo whisky DYC. Non era, por certo, o lucense o único club da elite baloncestística que estaba patrocinado por unha bebida alcohólica, pois pola cancha ferrolá pasaron tamén o Licor 43 de Santa Coloma de Gramanet ou o Rhum Negrita Joventut. Lembreime disto –e de cousas similares das que falarei– cando, hai catro ou cinco días, deambulando polos corredores do amplo supermercado que teño ao pé da casa, que adoito frecuentar dúas ou tres veces por semana, batín cunha especie de monumento publicitario que nunca vira antes. Na parte superior, un panel en rechamante vermello poñía “Cervezas Victoria / Desde 1928 / Cerveza oficial de la selección española”, ao carón das efixies dos internacionais Carvajal, Simón, Morata, Fabián e Rodri. Debaixo e aos lados expositores con diferentes formatos –garrafa de vidro e lata– da bebida en cuestión. Achegueime a mirar a letra dos envases e vin que puña 4,8°. Xa que logo, a selección española de fútbol que nuns días vai participar no campionato europeo ten como oficial unha bebida alcohólica. Xa sei que non se trata de algo ilegal, que, desde a lei de 2012, só as bebidas con graduación alcohólica superior aos 20° non se poden visibilizar nos recintos deportivos, mais iso non implica que non me pareza o máis adecuado. Moito falar de deporte e vida sa, dos bos exemplos deportivos para a formación da infancia e a xuventude e de cousas similares e logo meter o alcohol polo medio. Ai, diormío!!! Canto cinismo!!! Nin me considero pacato, en absoluto, nin estou de acordo con determinadas medidas restritivas que, na miña opinión, están máis orientadas a infantilizar os e as adolescentes que en, realmente, protexelos de malos hábitos consumistas. A xente da miña xeración non tivo quen a protexera -afortunadamente, se cadra- dese xeito e cadaquén saíu como puido. O mundo dos deportes do motor estaba cheo de publicidade –en máquinas e en monos– de drogas legais. Marcas de tabaco como Lucky Strike, Marlboro, John Player Special, Fortuna, Ducados, Rothmans, Camel, Gitanes, Gauloises e outras e bebidas alcohólicas como Johnny Walker, Smirnoff, Martini, Cinzano, Campari ou máis suaves como as cervexas Heineken, Peroni... Como non recordar Ángel Nieto enfundado nun mono de Ducados ou a beleza dos John Player Special Lotus, pintados en negro coas letras en dourado da tabaqueira, tan ben pilotados por Emerson Fittipaldi ou Jacky Ickx? Ou como esquecer o vermello e branco dos autos e monos dos McLaren Marlboro cos que vencían Alain Prost, Niki Lauda ou Ayrton Senna? Con eses convivimos nós, e máis de un seguro que se sentiu tentado de fumar un deses produtos que lle vendían os seus ídolos. Diso se trataba.
Hoxe todos os equipos de fútbol anuncian algo nas súas camisetas, fenómeno que non é de sempre, aínda que xa ten anos. A primeira camisola con publicidade luciuna o conxunto alemán Eintracht Braunschweig e, como non, era dunha bebida alcohólica, un licor de herbas de bastante graduación chamado Jägermeister. Algo impensable hoxe, que se leva 0/0. Mais se se abre a man, aos poucos a todo se pode chegar.