Cáritas constrúe o mundo desde a caridade

Ao celebrar o Día do Corpus, a Igrexa fíxase na eucaristía como fonte e cume da vida cristiá. Visibilizamos, coa celebración eucarística e coa procesión pública polas nosas rúas, a centralidade que a eucaristía ten na vida das nosas comunidades cristiás. Deus mesmo queda entre nós como alimento, como fortaleza, como compañeiro de camiño, como pan. En cada unha das eucaristías que se celebran nas nosas igrexas actualizamos o misterio de Cristo que se entrega ao Pai para a salvación do mundo. 
 

A participación na eucaristía non é, por tanto, un acto de piedade intimista no que nos afastamos da vida e nos refuxiamos na comunidade de amigos. Non é tampouco un acto rutineiro, protocolario ou repetitivo no que tantas veces o convertemos. Trátase dun acto de fe que nos esperta á caridade e á esperanza. Trátase dun acto valente no que nos empapamos do amor de Deus e nos comprometemos audazmente a compartilo co irmán. Só así adquire significado. 
 

Por iso, a participación na eucaristía deriva necesariamente na construción da comunidade cristiá e da comunidade humana. Como afirmaba Bieito XVI: “A mística do sacramento ten un carácter social. En efecto, a unión con Cristo é ao mesmo tempo unión con todos os demais aos que el se entrega… así reforza a comuñón entre os irmáns e, de modo particular, aprema aos que están enfrontados para que aceleren a súa reconciliación, abríndose ao diálogo e ao compromiso pola xustiza” (SCa 89). Nese sentido, a eucaristía hoxe convértese en profecía, nun mundo especialmente fracturado e individualista. Necesitamos empaparnos deste misterio para ser artesáns da fraternidade e da amizade social. 
 

Descóbrese así o vínculo que existe entre a eucaristía e a caridade que fai presente especialmente Cáritas. A nosa Cáritas diocesana organiza a caridade para ser prolongación eucarística nos sufrimentos do noso mundo. Non é unha organización da Igrexa, senón a Igrexa mesma que, a través dos seus membros, ve a realidade; descobre as feridas dos homes e mulleres do noso mundo, tanto próximos como afastados; analiza as dinámicas que provocan e alentan a exclusión para denuncialas e transformalas; achégase a cada persoa coa humildade do samaritano; cura as súas feridas a través da asistencia e a promoción; e condúcelles de novo á pousada para tratar de integrar a todos nunha comunidade que se constrúe nova cada día. 
 

Detrás do labor de Cáritas, tan valorada socialmente polo noso mundo, hai unha espiritualidade e unha visión evanxélica da persoa e da sociedade. Trátase dunha mística distinta que nos humaniza e reconstrúe porque nos fai mirar, fainos participar, fainos cambiar. 
 

O lema co que este ano nos convida a espertarnos Cáritas é moi suxestivo: “Ti tes moito que ver. Somos oportunidade. Somos esperanza”. En efecto, aínda é moito o que temos que descubrir de sufrimento ao noso lado; aínda é moito o que podemos realizar se saímos do noso individualismo e participamos na construción da comunidade; temos capacidades que se converten en oportunidades para nós e para os nosos irmáns; a esperanza de moita xente depende da túa man tendida e do teu compromiso activo. 
Grazas aos 380 voluntarios e contratados da nosa Cáritas diocesana polo seu tempo, pola súa sabedoría, polo seu corazón, polo seu compromiso. Grazas aos 1027 socios e doantes que confiaron no quefacer de Cáritas diocesana. Grazas a todos os que celebrades a eucaristía e, lonxe de quedar indiferentes, poñédesvos en camiño na construción da civilización do amor. Feliz día do Corpus. O voso irmán e amigo.

 

Fernando García Cadiñanos é bispo de Mondoñedo-Ferrol

Cáritas constrúe o mundo desde a caridade

Te puede interesar