Cabodano da traxedia

(Para Isabel, nos seus días)

 

nte cumpríronse 77 anos do lanzamento da primeira bomba nuclear sobre territorio habitado por persoas, varios miles de persoas. Segundo se nos ten contado, foi por volta das 8h15m da mañá do 6 de agosto de 1945, cando o B-39 -denominado Enola Gay, o nome da mai do seu comandante, o coronel Tibbets- soltou a bomba Little Boy sobre Hiroshima. A cidade xaponesa quedou na historia da infamia como a primeira en sofrer tamaña atrocidade, como oito anos antes -o 26 de abril de 1937- fora Guernika a primeira cidade en padecer destrución e morte ao ser bombardeada, sen piedade, pola Lexión Cóndor da Luftwaffe alemá. Hoxe, non podía ser doutra maneira, as dúas cidades están irmanadas.
 

Tres días despois, o 9 de agosto, ás 11 da mañá, outro bombardeiro B-29, o denominado Bockscar, deixou caer unha segunda e máis poderosa bomba atómica, chamada Fat Boy, sobre Nagasaki. Curiosamente, non era esta a cidade designada para matar inocentes cidadáns xaponeses. A escollida era Niigata, mais a choiva aconsellou cambiala por Kokura, onde a mesta néboa fixo que, finalmente, se optase por Nagasaki.
Este feito do cambio de lugar para a macabra operación desmente a xustificación parcial que se ten dado da mesma en base a que os habitantes estaban avisados de que debían resgardarse.
 

Ese mesmo día o ditador Franco andaba de corrida de touros na Coruña, recibindo vítores de ¡Franco, Franco, Franco! tanto á chegada á praza como á saída. Que lle ían preocupar a el, que levaba toda a vida rodeado de mortos, os miles de masacrados no Xapón? A fin de contas, aínda que moitos deles fosen católicos, eran xaponeses.
 

En todo caso, se algo o podía preocupar nas vacacións coruñesas era o acontecido na Conferencia de Postman, que unha semana antes finalizara nesa cidade alemá, onde a España franquista non saíra moi ben parada, ao quedar fóra da Organización de Nacións Unidas. Ese revés levou ao goberno a manifestar que España nin mendigaba postos nas conferencias internacionais, ao tempo que facía fincapé en que nas últimas grandes guerras permanecera “neutral, libre e independiente”, algo que, como sabemos, non foi tan así.
 

Este ano toca recordar as traxedias atómicas nunha situación diferente debido á guerra en Ucraína, isto é, bombardeados por multitude de informacións totalmente sesgadas por proceder dun único bando. Non hai xeito de contrastar nada con facilidade, co que a inmensa maioría da poboación ten unha idea da situación posiblemente moi distante da real. No caso dos bombardeos atómicos de 1945 na prensa atopamos versións dos dous lados. Así, atopamos noticia da condena da intervención do exército dos Estados Unidos por parte da prensa nipona ao tempo que temos noticia da satisfacción manifestada polo presidente Truman ás poucas horas do estoupido de Hiroshima.
 

Hoxe, polo contrario, só sabemos do que está a acontecer polo que nos din os medios informativos máis comunmente utilizados pola xente, que non é outra cousa que as simplezas que solta o presidente Zelensky e o que lle interesa difundir aos países que están detrás de Ucraína –nomeadamente os Estados Unidos– para o seu beneficio. O que é evidente é que Europa vai saír moi tosquiada.

Cabodano da traxedia

Te puede interesar