Braga, máis unha vez

No verán andei uns días por terras de Portugal nas que nunca estivera –Portalegre ou Castelo Branco eran das escasas cidades do país que non coñecía– ou polas que transitara moi de pasada, todas elas raianas de Salamanca e de Cáceres. Como remate da xira pasei tres días por Lisboa, que sempre paga a pena, e volta para a casa. Como nese retorno non parei en Braga, xa botaba de menos ir dar unha volta pola sempre pracenteira cidade miñota, por tantos dos seus lugares onde me sinto moi a gusto. Malia que xa está bastante metido ese desordenado turismo que acaba con todo, aínda é posible desfrutar de agradables ambientes, tanto de ar libre como de locais pechados. E aló fun a fin de semana pasada.


Non estando o prezo desmesurado, paga a pena aloxarse no Vila Galé –todos nos que estiven desa cadea son recomendables–, que ocupa parte do edificio barroco, do século XVIII, no que, ata non hai moito, estaba o hospital de San Marcos, o da cidade.


Sabido é que Braga –xunto con Porto– é a cidade portuguesa do Barroco. Velaí as igrexas de Santa Cruz, dos Congregados ou do Pópulo; partes da Sé e do Bom Jesus; o mosteiro de Tibães; o Palácio do Raio ou o propio Arco da Porta Nova –sen dúbida a imaxe máis coñecida da localidade–, construcións ás que habería que engadir outras moitas, entre elas edificios de menor entidade, como a Casa Rolão, un fermoso edificio do século XVIII, que, desde hai un cuarto de século, acolle na súa planta baixa a libraría Centésima Página, un delicioso lugar onde, ademais de poder comprar moito libro bo, podemos adquirir outros produtos de diversa factura: obxectos artesáns, fotografías, cadros... Tamén se pode comer ou beber algo, mesmo, se o tempo o permite, nese remanso de paz e tranquilidade que é o xardín da parte traseira. Detalle digno de mención é o feito de que esteña permitido sentar a ler os libros –para mercar, ou non– os que nos apetezan. Desta volta, sorprendeume moi gratamente ver a cantidade de nenos e nenas que lían con deleitación.


Sempre que visito Braga boto unha boa chea de tempo nesa fermosa libraría e, malia que na casa apenas me colle nada, sempre acabo por comprar algún dos libros que folleo e que me interesan. Nesta ocasión comprei algunhas traducións ao portugués, que adoitan ser boas: “A longa estrada de areia”, de Pasolini; “Mersault, contra investigação”, de Kamel Daoud; “Lições de grego”, de Han Kang; “Todos os contos”, de Kafka, ou “Homenagem à Catalunha”, de Orwell –que xa lin no seu día en español, hai ben anos, pois penso que non é mala achegarse a el ou relelo nestes tempos en que a desmemoria, consciente ou inconsciente, está a permitir que o nazifascismo leve tempo a petar de cotío en canta porta hai–.


Fíxenme tamén con algún que outro orixinal portugués, entre eles dous de tema musical aparecidos este ano: “Abril tambén se fez a cantar”, de José Jorge Letría –de quen teño libros e discos e a quen, décadas hai, escoitei cantar en directo e coñezo persoalmente– e o groso volume “Canções de liberdade: A política cantada em Portugal e no mundo (1964-1974)”, da autoría –por partes– de Jorge Mangorrinha (lado A) e Abel Soares da Rosa (lado B).


E ademais, como non, puiden botar unha parrafada –máis breve do que tería gustado– co benquerido colega e amigo Carlos Pazos, a quen, como sabe, tanto aprezo. Haberá máis veces.

Braga, máis unha vez

Te puede interesar