O binomio da audiencia e a proposta

Houbo un tempo no que a radio era o modelo do bo dicir, de falar ben, de o facer con corrección lingüística, seguindo as normas morfolóxicas, prosódicas e sintácticas do idioma, o castellano, medio oral e escrito común para os distintos territorios do país, da nación española. Logo viría tamén a televisión pública, non había outra, asumindo a mesma función exemplar. Era prescriptivo que quen nelas estaba ante o micrófono e a cámara debía coñecer estas disciplinas gramaticais e mesmo -no exceso unificador, coa exclusión das outras línguas imposta polo denominado Réxime- practicalas desprovistas de “deixe”, de calquera entoación ou acento que se afastase dunha pronuncia “neutra”. Por mandato imperativo, había que preservar a pureza do idioma, aillalo de calquera mal cheiro á dicción galega, andaluza, catalana, etc. Non é preciso unha grande agudeza para se decatar de que hoxendía estamos na banda contraria. Felizmente, presentadoras/es, non teñen por que agachar o seu soutaque de nacencia. Pero daí a que coman as palabras e enzarapallen as alocucións hai máis do que un paso. E estas eivas tamén está presentes, mesmo en certos filmes que, na procura dun plus de naturalismo, presentan diálogos de difícil comprensión, levando por veces á audiencia a perder información substancial para unha mellor comprensión do que está sendo contado. E, claro, a un personaxe cinematográfico non lle podemos dicir, como se fose alguén que temos diante de nós, Como dis?

 

Por outra parte, o índice de audiencia é, naturalmente, unha cuestión de importancia. Conservar o volume de marcas anunciantes e mesmo aumentar as súas tarifas, no primeiro caso, e, superar as inversións millonarias, no segundo, son os motivos que preocupan grandemente tanto aos mandamáis das empresas de comunicación audiovisual como aos das cinematográficas. Unha cuestión que trae consigo os vellos asuntos da dicotomía televisión pública-televisión privada no tocante ás súas funcións e de, se para acrecentar o nivel de audiencia, se pode botar man de calquera cousa. Ou dito doutro xeito, se a fin xustifica os medios.

 

Un exemplo ben elocuente está na figura dese mozo de nome antitético, quen no seu programa, agora chamado La Revuelta, o mesmo que nas súas propostas anteriores, enseñoréase como protagonista dos maiores defectos entre os enunciados nas consideracións precedentes. E, alén do enigma que encerra o nome de quen lle concedeu o estatuto de humorista, este suxeito, persoa presuntuosa-personaxe grotesco e ridículo, cae de cheo na dicotomía contida nos ditos populares Algo terá a auga cando a bendicen e Coma merda, mil millóns de moscas non poden estar equivocadas. Un non ten dúbida. Cada quen decida o que a súa percepción lle indique e aquelo que considere pertinente.

O binomio da audiencia e a proposta

Te puede interesar