Dicia o Bob Dylan nunha das súas canción que: “ The times are a changuin” referindose coma o seu propio título indica a que os tempos están cambiando. E tanto que o están porque non me negarán que a entrada do outono a mediados de outubro non é un cambio manifesto no comportamento do tempo. Algúns dician que aínda estabamos en “veroño” denates que esta bendita borrasca procedente dun oceano Atlantico cargado de humidade petara nas potas das nosas costas. Benvido o outono e a auga que esta semana nos trouxo.
E ver chover así tróuxome lembranzas da miña nenez cando para ir ó instituto embarcaba todos os días na lancha en Mugardos que me levaba, nos levaba a min e a moita xente máis, a Ferrol. E lembro que chovía, chovía sen que iso nos chamara a atención porque a principios dos 60 iso era normal: viviamos baixo a auga. Comezaba a chover en setembro en non paraba ata marzo. Íamos nas camaretas da lancha coma sardiñas na lata e moitas veces de pé porque na casa dicíanos que se estabamos sentados e chegaba xente maior ou señora embarazada debíamos deixarlle o sitio na bancada. Nisto tamén cambiaron os tempo, non para mellor precisamente. Non sacabamos a nosa sempiterna gabardiña “Diluvio”, peza obrigada, que fabricaban en Mugardos con nome tan significativo. Chegando á clase deixabámola de pé e sostíñase coma se levara dentro un rapaz invisible. ¡Que gabardiñas aquelas!
E Galicia é o que é grazas a auga, os mantos verde que a cobren coas súas diversas tonalidades beben da auga que cae do ceo e da dos rios e manantiais que a xeito de sistema circulatório levan á terra esa sangue transparente esencial tamén para a vida dos seres humanos. A auga e un ben que pertence a todos sobre o que aínda non puxeron a súas olladas os especuladores. ¿Se imaxinan que puidésemos facer chover a vontade? Os terratenentes farian chover sobre as súas fincas porque serían os que poderían facelo porque poderían pagalo. Pero como isto afortunadamente polo de agora non é posible extraen ilegalmente auga dos acuíferos como é o caso do extoureiro chamado “Litri” que leva perante un tempo sacando ilegalmente auga dos mesmos (uns dous mil millóns de litros, que xa son litros) para regar a súa leira de ouliveiras dunhas 350 hectáreas. Que chova, guste a uns máis ca outros, porque o dito popular “nunca chove agusto de todos” reflicte a realidade, e a mai Natureza fai que chova para todos. As veces cabréase e nos manda grandes trebóns dos que en certa medida tamén somos culpables pola incidencia negativa que exercemos sobre o cambio climático, tema éste que só parece preocupar a uns poucos.
Dou a benvida pois ó outono coas augas vivificadoras que nos trouxo para fornecer a terra que tanto nos dá.