A semana pasada andabamos por Barcelona onde os amigos galegos de alá abeirados no “Ateneo Roig” organizaron a presentación do meu libro “Cartas a Michi dende o confinamento e... despois” capitaneados por Xoán Prados, o noso anfitrión ideal, en pleno corazón do barrio de Gràcia, na libraría “Repugnantinha” cuxa xerente, Alba, é embaixadora do libro galego por aqueles lares. Foi unha experiencia moi agradable e unha sorte poder compartir conversa coa miña presentadora Helena González, catedrática de Filoloxía galega na Universidade de Barcelona, amiga xa, e cos presentes, entre os que se atopaban Carola Camañes, que puxo a Michi en valor cos seus excelentes debuxos, Anxo Baranga, ilustrador e director do grupo de teatro “Furafollas”, Luís Boada, ao que non coñecía, economista, filósofo e crítico de arte que foi compañeiro de colexio de Lluis Llach co que segue a manter amizade, a profesora e poeta Anna Agustí... En fin, tanta xente coa que me gustaría ter tempo para falar longo e tendido non só do meu libro. Con Xoán Prados fixemos revista ao máis representativo do Modernismo catalán, que dá para moitas visitas. Barcelona en si mesma dá para moito; unha cidade que ten uns incuestionables valores sentimentais para min, xa que en xaneiro do 69 cheguei alí a gravar os meus primeiros discos e dende entón quedei enganchado. Despois fixen moitas visitas a esta cidade e cada vez que chego atopo algo novo que descubrir, lugares onde ir, a ser posible afastados do aluvión de turistas que decote inundan as súas rúas.
Barcelona é a cidade do noso país que máis visitas foráneas recibe, o que xa comeza a ser un problema para a xente que vive alí, pois coa proliferación de apartamentos turísticos os pisos de alugueiro puxéronse polas nubes e semella que case todo xira en torno ao turista e ás súas necesidades. Vimos anuncios de ofertas de traballo para hostalería requirindo coñecemento do inglés, o que demostra ata que punto estamos “pillados”. Baixar pola Rambla, onde vivín unha tempada no hotel Oriente” dende a fonte de Canaletas ata Colón, foi rememorar con certa nostalxia lembranzas que deixaron pegadas en min. Penetrar no Rabal na compaña de Xoán Prados e visitar o palacio “Güel”, unha novidade, un descubrimento, o mesmo que moi preto o antigo Hospital da Santa Creu (1401), que hoxe alberga a Biblioteca de Catalunya, a “Casa de Covalecencia”, tomar un café no antigo e emblemático mercado da Boquería, e suma e segue. Para min Barcelona ten motivacións especiais, tantas que, ao deixar a cidade, o fago con esa morriña consubstancial en nós, e desexando que apareza a oportunidade de volver. Abofé.