Avaría no ascensor social

Ascensor social é atinada metáfora dun fenómeno que a socioloxía estuda desde dous puntos de vista, comezando por investigar a mobilidade social centrada no grao e nas pautas do movemento vertical ascendente e descendente dentro da estrutura ocupacional; e, a seguir, desde o que se considera estudo do logro de status que aborda a cuestión de porqué se produce ou non esta mobilidade social. Na traxectoria desta ciencia, dous dos seus pais fundadores, Marx e Weber, coinciden en considerar que a mobilidade social é un dos determinantes nos procesos de formación e acción das clases sociais para que esta se configure e para que exista. Alén dos antagónicos enfoques que, mediado o pasado século, enfrontan á corrente do funcionalismo coa da socioloxía do conflito, a realidade arrastrada polo modelo económico do capitalismo liberal conduciu a unha máis grande desigualdade; e dicir, a que a clase traballadora sexa máis pobre, con agravante na bolsa deses excedentes da clase traballadora empuxados pola caída das prestacións sociais, polo paro e a precariedade; por unha singular “clase media” que está en horas baixas, atacada desde varias frontes, coa consecuencia de poñer a boa parte da súa xente nun camiño descendente de cara a pobreza. División de clases, habela haina e camiña do revés.


Un ascensor avariado, desde tempo atrás, que segue agrandado o seu estado de deterioro. Se no pasado houbo un tempo no que os fillos e fillas vivían mellor que os seus país e nais, agora están moi lonxe dese horizonte. É unha xeración que vén arrastrando moitas feridas, atrapados entre varias crises, sumando precariedade no emprego, nos salarios, no acceso á vivenda e con negro presaxio na súa traxectoria futura de cotización, renda e benestar. Non son xeración perdida, son persoas en espera de políticas eficientes de mobilidade social e xusta distribución da renda.


Velaí, senón, o informe de investigación “Radiografía de medio século de desigualdade en España”, editado pola Fundación “la Caixa”, no que analizan as características e factores que explican que, o Estado español, sexa un dos países europeos con máis desigualdade. Concluíndo que cando a economía decrece a desigualdade increméntase con moitos fogares con rendas baixas e caída dos de renda media. Por iso, agárdase que a pandemia agrande a desigualdade e a pobreza severa co risco de que, como fixo en recesións anteriores, rematar por ser endémica.

Avaría no ascensor social

Te puede interesar