Que atendan á xente

Bos días! Bos días! -para isto marque o un, para aquilo marque o dous, para non sei que marque o tres, o catro, o cinco, o seis... ou agarde. Despois de escoitar con atención os ditados da máquina locutora, aquel cidadán non recordaba cal era o número que tiña que teclear e tampouco atopaba no seu exuberante aparato a forma de marcar. Agardou ata que se cortou a comunicación (a incomunicación), a pesar de que “enseguida lle atende un operador”. Nada, era a pouca forza do home contra a intelixencia da electrónica, da informática e dos espoliadores armados con tanta tecnoloxía.


-Os nosos axentes están ocupados, por favor, sega á espera, non se mova, non fale, non toque os botóns do aparello que ten nas mans e saiba que o noso horario é flexible. Estamos ao seu servizo! Sega as indicacións da páxina web e cubra debidamente o modelo 600. Se pide cita a través de internet, pode entregalo persoalmente en calquera oficina deste organismo, en calquera das provincias, cando lle digan, de luns a venres, de nove a catorce horas. Cando lle digan!


Grazas, odiada máquina; esa que ten unha intelixencia tan artificial como a que a creou e que é perfectamente capaz de converterse en adversario e de interpretar os improperios cos que o cliente se despide silenciosamente da funcionaria. Menos mal que chegou María coa explicación. Estaba baseada na súa intelixencia natural e no seu coñecemento adquirido, na súa humildade e na súa formación como eminente xestora.


Hai coincidencia plena. A burocracia apodérase do sistema, as administracións quedan diminuídas polos efectos colaterais da ignorancia e polo dominio da telemática, os empregados públicos, de calquera organismo ou servizo, funcionan ás cegas e os directivos están en permanente situación de reciclaxe. Cales serán os obxectivos?


Algúns ven que se abanea o edificio común e laméntano, outros entenden que o edificio é alleo aos seus intereses e hai quen pensa que é seu, exclusivamente seu e dos seus. Hai pareceres e opinións distintas e hai unanimidade en considerar á burocracia como un mal moi difícil de erradicar. Pola contra, medra e engorda sen parar, “igual que as herbas malas”.


Aos que mandan e ordenan na progresiva desfeita e a todos os da propaganda gobernamental, aos da máquina e aos da telemática, a Tía Manuela dilles claramente, e sen resentimento, “que se deixen de contos e que atendan á xente”.

Que atendan á xente

Te puede interesar