As xoañinas voltan

Estamos acostumados a que todo aquelo que ten que ver coa praza de Armas sexa unha disertación bizantina que nunca acaba. Incapaces de subir o nivel de debate e fixar novas metas para a cidade. Un falar sen cancelas que a ningures leva, pero que parece que a algunhas persoas válelles para ditar grosas sentenzas, poñer en solfa este espazo urbano e non solucionar ren. Primeiro foi que a terra escapaba da propia praza, despois que os tilos estaban afogados e para rematar chegaron os pulgóns. Agora apóstase polas xoaniñas para salvar a saúde da masa arbórea do centro de Ferrol. Unha sinxela solución á marxe de produtos industriais. Mais, a pregunta é se hai un axeitado mantemento antes tantas incidencias, alén de xogar ao despiste coa cidadanía.


Oxalá isto sexa un punto de inflexión na conservación dos tilos da praza de Armas e desoutros espazos verdes da cidade. A integración das xoaniñas, a maiores, é como unha cura de humildade por ser “salvados” por uns insectos. Di o dicionario que como sinónimos temos: barrosiña, coccinela, maruxiña, papasol, papoia, reirrei, voaniña, voíña e xoana. Escollan a que sexa máis do seu agrado. Acaso non parece o episodio dun conto cunqueriano de verán?

As xoañinas voltan

Te puede interesar