As redes sociais, para ben ou peor

O mundo avanza e retrocede ao mesmo tempo. Moitos detalles vividos, e que se viven, testemuñan a existencia de situacións adversas por mor do camiñar e desenvolvemento dalgunhas técnicas que non se paran a mirar para a felicidade da xente, para a tranquilidade das familias, dos maiores, dos meniños e dos adolescentes. Precisamente estes, os mozos e mozas de once a quince anos, son os máis vulnerables aos efectos nocivos e lesivos das tan laureadas redes sociais.


Así o indica, con claridade meridiana, un estudo científico publicado recentemente en “Nature Communications”, dirixido por Amy Orben, da Universidad de Cambridge, coa participación doutros destacados investigadores que aportan luz neste bosque escuro, no que teñen que moverse os pais, os educadores e profesores.


Ao parecer, o vinculo entre o uso das redes socias e o benestar mental “é claramente moi complexo”. A directora do estudo di que “os cambios nos nosos corpos, co desenvolvemento do cerebro e a puberdade, e nas nosas circunstancias sociais, parecen facernos vulnerables en momentos particulares das nosas vidas”. As mulleres sitúanse primeiro que os homes no risco de perder benestar social.


O escritor americano, Dan Brown, autor da novela A fortaleza dixital, fala da tecnoloxía como un instrumento que divide á sociedade en vez de unila, conseguindo que “todos estean conectados e todos sós”. Sós e con moreas de amigos descoñecidos, sós e sen ter quen escoite o que queren dicir, o que queren contar, o que pensan ou o laio do seu corazón grande que fai andar o sangue polas veas a mil por hora.


A mil por hora vai polas redes sociais, especialmente por Instagram e TikTok, a tranquilidade da mocidade que busca ser como son as persoas que lle gustan e que coñecen ou saben delas a través destes medios de pouco falar, de pouco ensinar e de moita influencia.


O nivel de utilización das redes sociais pola poboación moza é moi elevado. Son mecanismos para a interacción, evitan a relación presencial e colocan ao fracaso, se é o caso, detrás da pantalla que serve de parapeto.


O estudo aludido é concienciudo e directo, “poida que se estableza un vinculo negativo entre o uso das redes sociais e a satisfacción coa vida” e poida que se produza en liña un dano sen remedio. Como di a Tía Manuela “vaiche boa, Vilaboa”, as redes sociais poden ser para ben ou para peor.

As redes sociais, para ben ou peor

Te puede interesar