Vaia lío que se armou coa “Lei do Sí é Sí”. Os que non sabemos de leis, non podemos entender tanta leria, porque se se fixo mal, amáñase, faise ben e a outra cousa. Mais o feito de non chegar a un acordo entre os dous “coaligados” no amaño daquilo que resultou incorrecto, fai pensar que, o que non ten amaño é este Goberno. Unha mágoa, porque parecía que gobernar en coalición neste país era posible. Agora pode vir outra posible liorta coa nova “Lei de paridade” que, seica pretende (segundo entendo eu), formar a partes iguais de homes e mulleres, os equipos directivos das Institucións e dos centros de decisión. Se iso é así, penso que podería impedir que nalgún caso algún deses equipos puidera estar formado só por mulleres, o que non sería xusto nin democrático e, xa que logo, no canto de beneficiar ás mulleres, sería prexudicalas, cando a súa preparación e valía fose superior á o “cupo” dos homes. E, por suposto, tampouco sería correcto, no caso contrario. Coido que está mellor organizado o fútbol, con equipos de homes e de mulleres. Sorte que teñen algúns, porque se por valía fose, no Equipo Nacional habería varias mulleres en troques de algún pretendido “fenómeno”. Porque hai algunha que ata remata de cabeza que é unha gozada. Digo eu, claro.