Seica moita xente aproba o emprego no Parlamento Nacional, das linguas “maternas” ou sexa, as das Autonomías recollidas na Constitución como “Nacionalidades”. A min paréceme un despropósito o uso desas linguas “nais” a nivel parlamentario, tendo unha lingua “pai” na que todos podemos nos entender. E non quero dicir que se teña que unificar, senón todo o contrario, coido que sería mellor investir os cartos que se van gastar no sistema de traducións, para potenciar as linguas propias como a nosa, ata que todos os galegos saibamos ler e escribir na nosa lingua; porque está claro que cando alí se fale Galego, ninguén escoitará o que se di nesa lingua, senón unha tradución máis ou menos axeitada. Xa que logo, iso non representa ningunha vantaxe para espallar e fortalecer o noso idioma. E por suposto, sen obviar a conveniencia de coñecer o castelán, pois o coñecemento dos dous, nos facilita o entendemento con máis de medio mundo. Paréceme a min, claro, mais se cadra estou nun erro.