As fragatas F-110

Hoxe seis de abril do ano 2022, debería ser un gran día para a historia da antiga Bazán, actual Navantia, e polo tanto para Ferrolterra e tódolos ferroláns. Coa asistencia do Presidente do Goberno, procedeuse á cerimonia do corte da primeira prancha de aceiro do casco da nova Fragata F-111, primeira dunha serie de cinco que deberán construírse nesta década que estamos a vivir. A serie é coñecida asi mesmo como clase Bonifaz que é o nome que levará na súa popa o que será futuro buque insignia da Armada Española cuxa entrega a Armada está prevista para os primeiros días do ano 2027. A continuación unha por ano ata a derradeira que ten prevista a súa integración na flota no 2031.


Lucirán como digo na súa popa os nomes de cinco ilustres almirantes, a saber:


F-111.- Ramón de Bonifaz, (?- 1256), nomeado Almirante de Castilla polo rei Fernando III o Santo.


F-112.- Roger de Lauria, (1245-1305), nomeado Almirante de León e de Sicilia por Pedro III el Grande.


F-113.- Pedro Menéndez de Avilés y Alonso de la Campa, (1519-1574), coñecido como o Adelantado de Florida.


F-114.- Luis de Córdova y Córdova, (1706-1796), un mariño de lenda. Capitán General de la Armada.


F-115.- Antonio Barceló, (1717-1797). Dende simple mariñeiro acadou os máis altos postos na Armada, por méritos de guerra.


Todos eles como se ve, moi egrexios almirantes ao servizo de España, do seu rei e da súa Armada.


Eu que traballei moitos anos na entón ENBazán (1982-1986), co gallo da construción das Fragatas DEG, as tipo Baleares, gardo fermosos recordos daqueles tempos nos que tiven a gran sorte de tratar con uns magníficos profesionais, dos que aprendín moitas cousas, algunhas delas por riba da profesión. É por isto polo que esta nova da que estou a falar alédame especialmente.


Disque serán as Fragatas do futuro pero eu vou máis lonxe, serán sen dubida os mellores e máis tecnicamente adiantados barcos de guerra de todo o mundo.

Parabéns a todos, de capitán a paxe, e mesmo, pola parte que lle toca, a este sofrido pobo de Ferrol tan achegado aos vaivéns económicos da Empresa.

As fragatas F-110

Te puede interesar