O triunfo de Milei nas eleccións arxentinas, por unha diferenza de once puntos con Massa, que agrupaba o voto peronista e de esquerda, deixou en evidencia que unha gran parte da sociedade arxentina quere un forte cambio, que o presidente electo representa nas formas e no radical das propostas. Uns obxectivos que, mesmo contando co apoio do empresariado, o máis favorecido polas promesas privatizadoras e de redución de impostos, ten a oposición do 44% do electorado (e o 23% de abstención?..), e grandes atrancos que vencer no Congreso, nos governos provinciais e locais, onde non lle será doado acadar apoios.
Agora ben, sen dúbida haberá cargos en todas estas institucións que se sumen ao cabalo gañador, como sucedeu con Bolsonaro en Brasil. Polo tanto a cuestión está en se é capaz de construír unha maioría nas institucións para garantir os cambios prometidos, e que agora na folla de ruta xa matiza algúns serán a medio prazo (por exemplo a privatización de YPF, a eliminación do Banco Central e a dolarización completa da economía). Tampouco lle será doado reducir as axudas aos sectores máis vulnerábeis... non falemos da supresión do dereito ao aborto, etc.
Polo momento os seus primeiros pasos, mesmo antes de asumir a Presidencia, que será o 10 de decembro, é realizar unha viaxe simbólica a Estados Unidos e Israel, deixando clara a súa postura ideolóxica de afastamento dos BRICS. Isto implicará unha ruptura ou xerar atrancos en relacións comerciais tan fundamentais como as que ten con Brasil, China?... Ambos países representaban en 2022 o 41% das importacións e un 23% das exportacións.
O triunfo da estrema dereita nas eleccións, segundo á maioría dos analistas, debese aos sucesivos fracasos tanto da dereita como das alternativas progresistas de sacar ao país do retroceso económico, o medre da desigualdade (un 40% da povoación por debaixo da liña de pobreza), e a consolidación da marxinalidade e violencia social. Ás forzas de esquerda faltoulles un proxecto transformador, procurando remendos para a conxuntura, mediante negociacións para un pago máis doado da débeda ao FMI, e aumentando o investimento exterior. Os resultados, condicionados pola pandemia, os efectos da guerra na Ucraína, e a confrontación entre potencias, non foron atallados con medidas estruturais que rexeitasen a precariedade e desigualdade. Milei e seu “capitalismo libertario” acelerará a tendencia regresiva. Triunfou o voto do desacougo e a xenreira. O cambio a prol do povo segue pendente, a solución non está en implantar a lei da selva.